O Consello colabora coa 79ª SIHDA, que reúne en Vigo a máis de 200 especialistas mundiais en Dereito Romano e Historia da Antigüidade
Entre o 1 e o 5 de setembro, Vigo converteuse na capital mundial do Dereito Romano e da Historia da Antigüidade coa celebración da 79ª edición da Société Internationale Fernand De Visscher pour l’Histoire des Droits de l’Antiquité (SIHDA) , un dos encontros académicos máis relevantes a nivel internacional. A sede da Afundación reúne máis de 200 especialistas de todo o mundo, nunha cita que conta coa colaboración do Consello Social, así como co apoio do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero, da Xunta de Galicia e da ACSUG. O congreso, que ten como presidenta do comité organizador local a catedrática María José Bravo Bosch, afonda nesta edición no papel e a representación das mulleres nas sociedades antigas, desde perspectivas xurídicas, históricas, literarias e culturais.
Durante a inauguración, Bravo Bosch salientou a vixencia do Dereito Romano para comprender as estruturas xurídicas actuais e agradeceu o apoio institucional, así como o esforzo das persoas desprazadas ata Vigo. Pola súa banda, o presidente da SIHDA, Jean-François Gerkens, celebrou o feito de facer o encontro en Galicia. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo en valor a conexión do Dereito Romano coa base da civilización occidental, mentres que o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, subliñou a importancia de actualizar este legado para seguir avanzando como sociedade.
O programa científico, que arrancou coa conferencia inaugural de Javier Paricio (Universidad Complutense de Madrid), inclúe tamén as intervencións de Carla Masi Doria (Università Federico II di Napoli) e María del Mar Marcos Sánchez (Universidad de Cantabria), así como cinco sesións paralelas. A dimensión académica complétase cun amplo programa cultural con concertos da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e de Milladoiro, un paseo en barco pola ría de Vigo, unha excursión ás Illas Cíes e unha visita guiada ao Museo Catedralicio. O Consello Social da UVigo, a través da súa colaboración, reafirma o compromiso coa investigación de excelencia.