cabecera

A Comisión Económica do Consello Social informa favorablemente sobre o balance de gastos e ingresos da Universidade no 2017

19 04 2018. Categorías: Económicas, Económicas 2018

O pasado martes 27 de febreiro, ás 12:10 h., celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión Económica na que se avaliou favorablemente o balance de gastos e ingresos da Universidade no ano 2017, entre outras cuestións de diversa índole.

 

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (20.12.2017).

  • Apróbase por asentimento.

 

PUNTO 2

Informe sobre o estado de contratación da auditoría e memorando de recomendacións das contas anuais da Universidade de Vigo 2017 e 2018.

Explica don Manuel F. Jáuregui a tramitación e o proceso de licitación, que se alongou por canto a licitadora Baker Tilly Fmac –se ben foi finalmente a adxudicataria- presentou unha oferta considerada inicialmente anormal ou desproporcionada, que requiriu dun posterior informe técnico de xustificación que avalaba a viabilidade da oferta. O xerente engade que concorreron un alto número de empresas, e que a oferta económica foi determinante para a adxudicación. Afirma, así mesmo, que a demora do procedemento non afecta ao esencial para elaborar a auditoría antes do 30 de xuño, se ben si impide presentar nesta sesión o avance de auditoría que outros anos acompañaba á liquidación do Orzamento aínda que non sexa obrigatorio.

Informada polo secretario da valiosa axuda prestada por don Jesús Graña e por don Rodrigo Cerviño para a elaboración dos informes reclamados á Secretaría do Consello Social pola Mesa de Contratación durante o proceso, a Comisión, a proposta do presidente, agradécelles expresamente a colaboración.

  • A Comisión dáse por informada.

 

PUNTO 3

Liquidación do orzamento de ingresos e gastos da Universidade de Vigo. Informe de execución orzamentaria anual, consonte o Real Decreto-Lei 14/2012. Informe ao Pleno.

O vicerreitor de Economía e Planificación, don José Manuel García, aclara que este punto responde a unha obriga recollida no Real Decreto-Lei 14/2012, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, que obriga ás universidades a confeccionar a liquidación do orzamento antes do primeiro de marzo do ano seguinte, e no caso de que o remanente de tesourería sexa negativo, obriga aos Consellos Sociais a reducir os gastos do novo orzamento por contía igual ao déficit producido. Subliña que, nesa liña, o relevante nesta sesión e neste punto é comprobar o caso da Universidade de Vigo, para o que se aporta documentación elaborada pola Xerencia e polos Servizos da universidade, suficiente para acreditar a situación, e engade que polas razón expostas no punto anterior non se acompaña dun informe de avance de auditoría como se facía en anos anteriores, se ben este documento non é preceptivo nin a súa ausencia menoscaba a función do Consello Social.

Manifesta que “é unha gran satisfacción pechar 2017 –o último deste equipo de goberno- cun resultado orzamentario positivo. Pechamos un ciclo que comezou en 2012, mantendo dende entón un resultado económico favorable”.

O xerente incide nos documentos que se presentan, basicamente nas gráficas sobre o estado de liquidación do orzamento e sobre a comparativa dos importes 2016 e 2017, no que destaca distintos epígrafes. Resposta finalmente a unha pregunta de don Manuel González sobre saldos de dubidoso cobro, e remata dicindo que “estar nestas cifras é o desexable”, e que a foto que amosa a universidade “é moi, moi razoable”, máis se se compara con outras universidades ou administracións.

  • A Comisión informa favorablemente.

 

PUNTO 4

Control sobre a normativa de cesión de espazos universitarios. Informe ao Consello Social sobre as dispensas de pago acordadas dende a Xerencia (acordo de 29 de xuño de 2017).

Consonte o acordo adoptado pola Comisión en reunión de xuño de 2017, don Rodrigo Cerviño informa que dende esa data se autorizaron dispensas do pago do canon en oito ocasións, todas elas para eventos deportivos celebrados en Vigo e Pontevedra. Aporta unha relación pormenorizada caso por caso.

  • A Comisión dáse por informada.

 

PUNTO 5

Informe sobre o estado de aplicación e aproveitamento das recomendacións da auditoría operativa sobre “Legalidade dos procedementos e as ferramentas informáticas na xestión económica do gasto, e validez na xustificación das axuda externas”.

Intervén de novo o Vicexerente de Xestión económica e servicios xerais, para informar sobre as melloras implementadas e as actuacións desenvolvidas a partires das recomendacións do equipo auditor neste campo. Don Rodrigo Cerviño explica con detalle os traballos acometidos nos tres únicos escenarios de intervención recomendados, dous dos cales están xa finalizados. Engade na súa exposición que estas actuacións viñeron ademais acaídas para cumprir esixencias fiscais e normativas recentes.

  • A Comisión dáse por informada.

Don Rodrigo abandona a reunión neste intre, rematadas as intervencións previstas, e recibe o agradecemento do presidente.

 

PUNTO 6

Informe previo que proceda para a creación das empresas Alén Space, S.L. e Biofast, como Spin-off de base tecnolóxica da Universidade de Vigo, participación no seu capital social e contraprestacións que resulten aplicables.

Por indicación do presidente toma a palabra o xerente para dar conta do procedemento de tramitación que require do Consello Social un informe previo para que o Consello de Goberno poida aprobalo e retorne de novo ao Consello Social para a aprobación definitiva. O secretario engade que no caso de Alen Space está previsto que a universidade participe con un 3% no capital, polo que tería que desembolsar a cantidade correspondente; no caso de Biofast, se a universidade resolvese participar accedería a un 10% do capital social.

  • A Comisión acorda informar favorablemente.

 

PUNTO 7

Acordo que proceda sobre a asignación de complementos a unha profesora en recoñecemento polos cargos de xestión, consonte avaliación aprobada pola ACSUG. Convocatoria 2016.

A vista da documentación que se presenta, e non habendo ningunha intervención nin resposta á chamada feita polo presidente, a Comisión ACORDA:

  • Autorizar a asignación.

 

PUNTO 8

Informe sobre os convenios asinados pola Universidade de Vigo nos meses de decembro de 2017 e xaneiro de 2018.

  • A Comisión dáse por informada.

 

PUNTO 9

Rogos e preguntas

O vicerreitor don José Manuel García, ante a eventualidade de que o relevo do equipo de goberno se producise antes da próxima convocatoria da Comisión, transmite o agradecemento polo trato e a acollida da Comisión durante os últimos anos. Resposta don Daniel Barata resaltando o fondo agradecemento –“que manifesto moi seriamente”- polo traballo feito durante este tempo polo vicerreitor e polo xerente, don Manuel F. Jáuregui, e do que dará traslado ao próximo Pleno.