cabecera

A Comisión Económica dá o seu visto e prace á creación dun Consorcio interuniversitario do SUG

26 10 2017. Categorías: Económicas, Económicas 2017
O mércores 25 de outubro, ás 12.30 h., celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión Económica do Consello Social na que se trataron os seguintes puntos:

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (22.06.2017)

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe sobre o estado de aplicación das recomendacións recollidas na auditoría operativa sobre “Procedemento de aprobación e tramitación de títulos propios, cursos de especialización e outros encargos realizados pola Universidade”.

Don Rodrigo Cerviño, por indicación do presidente, dá conta do informe que elaborou a petición do Consello Social, centrado en sete puntos para amosar as actuacións emprendidas pola universidade e a situación na que se atopan, seguindo as recomendacións feitas polo equipo auditor. Concluída a intervención, o secretario, don Ignacio Rodríguez informa que entre os controis establecidos sobre os títulos propios (que se atribúen ao Servicio de Control interno e á COAP) debe constar tamén o que efectúa o Consello Social nos epígrafes que son da súa competencia, basicamente referidos a taxas, pagamentos a profesores, cobros por dirección e bolsas aos alumnos. Don Manuel González interésase por como repercutirán e como se integrarán estas actuacións no marco do Consorcio interuniversitario do SUG que se somete a valoración da comisión no punto catro. Don Jesús Graña, pola súa banda, pregunta por un control que estableza claramente os tempos e todo o referido á devolución de taxas, tanto de xeito xeral como individual.

Resposta o vicerreitor don José Manuel García que ambas cuestións serán abordadas no seu momento de forma ordenada, se ben subliña que, no que atinxe aos estudos oficiais o procedemento para a devolución de taxas xa está recollido nas normas de execución do orzamento.

  • A Comisión dáse por informada.

PUNTO 3

Análise e revisión do informe de auditoría operativa sobre “Legalidade dos procedementos e as ferramentas informáticas referidas á xestión económica do gasto na universidade, e a súa validez nas xustificacións de axudas externas”.

Don Daniel Barata cede a palabra a don Manuel F. Jáuregui para que faga unha valoración do documento, das conclusións e recomendacións que contén. Na súa intervención, o xerente afirma que a auditoría valida o traballo que se está a facer e que se están a desenvolver aplicacións informáticas e dando pasos que o informe recoñece e que cualifica como “rigorosos e serios”. A Comisión ACORDA:

  • Elevar informe favorable ao Pleno e recomendar a aplicación.

PUNTO 4

Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas para constituír o Consorcio interuniversitario do SUG. (Aprobado en Consello de Goberno do 9 de outubro de 2017).

Explica o xerente que o consorcio está contemplado na Lei galega de universidades, e que a súa creación permitirá formalizar todas as actividades que ata o de agora as universidades comparten de xeito puntual, así como abrir novas posibilidades de colaboración. Fai don Manuel F. Jáuregui un resumo das partes máis destacadas do convenio e dos estatutos, remitíndose ao momento en que se tomen as decisións sobre a xestión, unha vez se constitúa e rexistre o consorcio, que nacerá ca estrutura “máis lixeira posible”.

Acredita o vicerreitor de economía e planificación o interese da UVigo por impulsar a creación do Consorcio, que cualifica de ferramenta “imprescindible” para abordar conxuntamente asuntos económicos mais tamén académicos, que será válida por exemplo como central de compras pero tamén para coordinar estudos (mestrados ou graos interuniversitarios). Don José Manuel García considera relevante a implicación da Xunta de Galicia que terá unha participación do dez por cento, considerada como suficiente pese ao intento negociador de que fose máis ampla. Don Jesús Graña pregunta como se debe interpretar que o Consorcio quede adscrito á Universidade de Santiago, como se recolle no artigo 2 dos estatutos. Tanto o xerente como o vicerreitor aclaran que se trata dun mero requisito legal, porque formalmente debe estar adscrito a unha administración pública e ao rexeitar a Xunta esta posibilidade, acordouse vinculalo a unha universidade, sen maiores consecuencias porque ten personalidade xurídica e porque dependerá da intervención da Xunta. A Comisión ACORDA:

  • -Informar favorablemente ao pleno.

PUNTO 5

Informe sobre os distintos convenios asinados pola Universidade nos meses de xullo, agosto e setembro do 2017.

  • A comisión dáse por informada.

PUNTO 6

Rogos e preguntas

Don Antonio Macho traslada aos presentes a súa satisfacción e os parabéns á universidade polo incremento dun 2,9% nos fondos que a Xunta transfire á universidade. O vicerreitor sinala que se corresponde co previsto e que se cumpre o acordado.