cabecera

O pleno do Consello Social apoia a creación dun Grao en Enxeñaría Biomédica para o curso 2018/2019

28 07 2017. Categorías: Plenos, Plenos 2017

O pasado xoves 27 de xuño o Consello Social celebrou un pleno ordinario na sala de reunións da reitoría onde apoiou, entre outros aspectos, a proposta de creación dun Grao en Enxeñaría Biomédica para o curso 2018/2019. A esta proposta sumáronselle outras de contido similar, onde se barallaba a opción de crear novos títulos de mestrado de diferentes ramas científicas, que tamén foron vistos de maneira favorable.

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da reunión anterior (29.06.2017).

 O secretario dá conta da comunicación de dona Elena Añel escusando a súa asistencia ao pleno convocado na Escola Naval de Marín o pasado 29 de xuño, “por non estar de acordo coa celebración da reunión en instalacións militares”. Na mesma comunicación escrita pide que se xustifique a ausencia “porque a ideoloxía da CIG é totalmente contraria a todo tipo de militarismo e a o que este representa”.

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe do presidente.

 Don Ernesto Pedrosa agradece a asistencia, e en especial á vicerreitora dona Ana Graña. Subliña a importancia de implantar o Grao de Enxeñaría biomédica na UVigo, e o papel fundamental desenvolvido polo ex-membro do Consello Social don Julio Estévez, quen dende 2011 principiou e mantivo unha constante reivindicación deste título. Manifesta que se trata dunha titulación estratéxica polas expectativas laborais e porque capacita para unha profesión situada entre os dez traballos con máis futuro no mundo. “Un Grao moi valioso –engade- que reflicte tamén o alto nivel de cualificación que amosa a universidade para poder impartilo”.

Como exemplo tamén desa alta cualificación da UVigo menciona o recoñecemento que o prestixioso Ranking de Shangai concede ás enxeñarías e a Química, e especialmente a Tecnoloxía dos alimentos, que obtén a mellor posición acadada por calquera disciplina das universidades galegas. Afirma o presidente que se percibe o “enorme esforzo” que está a facer a universidade por evolucionar e adaptarse ás novas demandas, o que tamén se reflicte en que se sitúa entre as dez españolas nas que máis aumentan os estudantes de novo ingreso.

Sobre a publicación “71.487 persoas tituladas da UVigo (1990-2015)” comenta que se trata da máis precisa foto da UVigo construída cas vidas dos seus Egresados. “O valioso e xigantesco traballo de don Luis Espada e o seu equipo aluma a cara ata o de agora descoñecida dunha universidade que se somete o exame do seu pasado, sen temores nin complexos, e que estaba por contar”. Don Ernesto Pedrosa agradece a perseverante insistencia de don José María Franco, dende 2010, na procura dun Observatorio de Egresados, na que se acubilla este estudo e o apoio do Reitor para facelo posible, o que permite dispor xa dunha base de datos accesible e operativa con miles de titulados, “que co seu potencial e a súa experiencia nos axudarán a mellorar, a corrixir, a medrar, a aprender e a avanzar cos nosos plans de estudos, nas nosas propostas e aos nosos alumnos”.

Remata dando conta do estudo feito polas Cámaras de Comercio e a Fundación CYD, no que se analiza a gobernanza en sistemas universitarios de diferentes países europeos, co obxectivo de atopar modelos aplicables en España, con propostas como que os profesores sexan contratados e non funcionarios, para facilitar a chegada de talento.

PUNTO 3

Informe do Reitor.

 Don Salustiano Mato da conta dos avances que se están a dar nas instalación dos Campus e as visitas oficiais, entre elas a do conselleiro de Educación ás obras do Campus da auga e ás dependencias de Enxeñaría aeronáutica. Neste punto reivindica a potencia do Campus de Ourense, polos recoñecementos do Ranking de Shangai, máis tamén porque representa un modelo de universidade que quere fixarse e traballar no seu territorio, con determinación e criterio. Neste senso da conta do que se está a facer no ámbito biotecnolóxico, en Vigo, no Campus Crea, en Pontevedra, e mesmo na futura sede universitaria no Berbés.

Informa ao Pleno dos traballos da CRUE para propoñer para o ámbito universitario unha lei de convivencia que substitúa a aínda vixente lei franquista de disciplina académica, e dos obxectivos da CRUSOE orientados á cooperación e a un programa de mobilidade transfronteirizo para elevalo ás administracións educativas dos países membros.

Entre as actividades das que da conta destacan as relacionadas co emprego e o emprendemento. Entre elas os convenios e os Erasmus de prácticas, unha liña de bolsas para alumnos en empresas de Portugal. “Trátase –resume o Reitor- de facer cooperación intelixente, de compartir espazos e mover iniciativas dun lado a outro”. Cita finalmente a colaboración coa Fundación Penzol en iniciativas novidosas con empresas que aporten recursos para a formación transversal dos estudantes: “este é o camiño das empresas nas universidades, o do mecenado”.

PUNTO 4

Informe que proceda sobre a proposta de implantación e modificación, para o curso 2018/19, (consonte proposta do Consello de goberno do 19 de xullo de 2017), dos seguintes títulos de Grao:

- NOVAS PROPOSTAS:

- Grao en Enxeñaría Biomédica

- MODIFICACIÓN DE TITULOS:

- Grao en Enxeñaría Eléctrica

- Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

- Grao en Enxeñaría Mecánica

- Grao en Enxeñaría en Organización Industrial

- Grao en Enxeñaría Química Industrial

- Grao en Enxeñaría de Tecnoloxía Industriais

- Grao en Enxeñaría Forestal

 

Dona Ana Graña agradece a invitación do Consello Social e destaca a posibilidade de propoñer novas ofertas académicas unha vez aberto o mapa de titulacións.

Principia sinalando os aspectos máis salientables da memoria xustificativa e a memoria de verificación do Grao en Enxeñaría biomédica, que cualifica como peza fundamental do Campus de especialización “Vigo Tecnolóxico”. Informa que se impartirá na Escola de Enxeñería Industrial, con un primeiro curso en común cos outros graos da escola e 50 prazas, con prácticas no hospital Álvaro Cunqueiro, e dúas intensificacións (Biotech e Biommec).

Respecto ás modificacións de Graos propostas sinala que se trata fundamentalmente de actualizacións que non tocan o plano de estudos, e que son consecuencia do proceso de renovación da acreditación ao que se someteron o pasado ano.

Pide a palabra don Ernesto Vázquez-Rey para anunciar o seu voto en contra da proposta de Grao en Enxeñaría biomédica, pois –se ben recoñece que é unha boa aposta estratéxica da Uvigo- entende que o novo grao será unha titulación da Escola de Enxeñaría Industrial na que, “o da parte “Bio” é un apelido para vender a titulación”. A maiores engade que o grao terá 240 créditos, dos cales só 15 serán de formación biomédica obrigatoria. A seu xuízo, nin sequera as intensificacións optativas de 42 créditos serán “Bio”. “Semella que a titulación se crea só porque existe un sector empresarial que o apoia e o demanda, o que non garante que a formación sexa a axeitada para unha alta cualificación profesional”. Remata afirmando que non considera que se teña acadado o consenso debido entre as distintas titulacións que deberían conformar o Grao en Enxeñaría biomédica, polo que formula o voto nominal en contra da aprobación.

Resposta dona Ana Graña que a proposta foi aprobada por unanimidade no seu centro, que o plano de estudos é similar no deseño e nos materiais a outros Graos equiparables que se imparten noutros puntos de España, e que ten o apoio e o aval dos expertos externos que formaron parte das comisións correspondentes.

O Reitor subliña que se trata de por en marcha unha enxeñaría, non unha biotecnoloxía inserida no ámbito das Ciencias de vida, e que non se debe confundir. Afirma que non procede reabrir o debate académico que corresponde as xuntas de titulacións, “que é onde se decide e na que había representantes de alumnos que votaron a favor”. Engade don Salustiano Mato que a aposta da universidade por esta titulación -coa aceptación do sector- debe estar por enriba, e manifesta que non ve suficiente argumentación para deter o proceso ou alongar e estender as negociacións a axentes externos, menos tendo en conta o firme compromiso da Escola de incorporar os procedementos de revisión e mellora que procedan.

Intervén don Javier Garrido para felicitar ao equipo de goberno “con rotundidade” pola proposta da nova titulación, polo procedemento seguido, os prazos, os obxectivos e a posibilidade aberta de incorporar melloras. Así mesmo manifestase a favor de que as tramitacións sexan rápidas, áxiles e acertadas “porque é o desexable”. Pola súa banda, don Ernesto Vázquez-Rey reitera o seu voto en contra.

  • O Pleno informa favorablemente

PUNTO 5

Informe que proceda sobre as novas propostas e a modificación, para o curso 2018/19, (consonte proposta do Consello de goberno do 19 de xullo de 2017), dos seguintes títulos de Máster:

- NOVAS PROPOSTAS:

- Máster en Biodiversidade Terrestre e Xestión do Medio Natural

- Máster en Xenómicas e Xenéticas

- Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non tripulados

- Máster en Ciberseguridade

- Máster en Social Media Management e Creación de Contidos Dixitais

- Máster en Economía

- Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria

- MODIFICACIÓN DE TITULOS:

- Máster en Xeoinformática

- Máster en Necesidades Específicas de Apoio Educativo

- Máster en Ciencias e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca

- Máster en Acuicultura

- Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural

- Máster en Enxeñaría Informática

Salienta a vicerreitora de Organización académica e profesorado as potencialidades dos novos títulos, adaptados ás novas necesidades sociais, e ás prácticas obrigatorias en empresas que comportan. Explica que as modificacións que se propoñen son na súa maioría consecuencia do proceso de acreditación ao que se someteron o ano pasado, por actualización de competencias ou fichas, por incremento das prazas, ou mesmo por adaptación ás normas de permanencia e do Regulamento de estudos de posgrao. Precisa o Reitor que os novos títulos están motivados e vencellados cas apostas de especialización de cada un dos Campus.

  • -O Pleno informa favorablemente

PUNTO 6

Informe que proceda sobre a modificación, para o curso 2018/19, (consonte proposta do Consello de goberno do 19 de xullo de 2017), do seguinte título de Doutoramento:

- MODIFICACIÓN DE TITULOS:

- Programa de Doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión

Explica dona Ana Graña que se trata dun título asociado ao Campus do Mar, no que se introducen algunhas actualizacións aproveitando a modificación que comporta a entrada da Universidade de Porto. Engade don Salustiano Mato que a participación da universidade de Porto (xunto ás sete que xa participan) dará maior visibilidade e proxección internacional a un título que destaca pola elevada demanda que rexistra con elevada presencia de estudantes estranxeiros.

  • -O Pleno informa favorablemente

 Rematada a exposición das novas propostas académicas, don Ernesto Pedrosa agradece a presencia de dona Ana Graña, que abandona o Pleno neste intre.

PUNTO 7

Aprobación, se procede, dos prezos públicos para o Programa de Maiores da UVigo, que se desenvolverán nos Campus de Ourense, Pontevedra e Vigo no curso 2017/18.

 Sinala o presidente, a modo de resumo, que non se rexistran variacións nos custes respecto ao pasado curso.

  • -O Pleno aproba a proposta

PUNTO 8

Aprobación, se procede, das tarifas polos servicios da Área de benestar e deporte que ofrece a UVigo para o curso 2017/18.

Na documentación entregada figura unha táboa que resume os cambios, entre eles a creación de prezos para Alumni ou para persoas alleas á UVigo que accedan aos servicios de saúde ou ás escolas deportivas.

  • -O Pleno aproba a proposta

 

Acordos da Comisión de Actividades e Servicios (reunión de 21 de xullo de 2017)

PUNTO 9

Asuntos aprobados. Axudas concedidas para o desenvolvemento de iniciativas diversas.

 

O presidente comenta as actividades máis destacadas recollidas no resumo de axudas que de forma habitual se remite aos membros do Pleno despois de cada sesión da Comisión.

  • -O Pleno dáse por informado

PUNTO 10

Informe sobre os convenios asinados pola UVigo no mes de xuño.

 

Consonte a documentación remitida, trátase de 50 convenios de cooperación educativa, 9 con dotación económica, 6 convenios marco e 4 baixo o epígrafe Outros.

  • -O Pleno dáse por informado

PUNTO 11

Rogos e preguntas.

Pide a palabra don Xosé Manuel Atanes, quen advirte que no ano 2019 as probas de acceso á universidade celebraranse no mes de xullo, polo que -“para evitar unha improvisación absoluta como ocorreu no actual curso coas “ABAU”- rógalle ao Reitor da Universidade de Vigo que, xunto cos outros reitores, vixíen e fagan as achegas necesarias á Consellería de Educación, dado que o cambio de mes de ditas probas, das que só falta un curso para que se poidan preparar, ten varias variables, como por exemplo: cambio da data dos exames de setembro nos institutos, coincidencia coas oposicións de acceso do profesorado ou nova lei de educación.

Contesta don Salustiano Mato que xustamente se elixiu a data de 2019 para preparar con antelación suficiente as condicións para que a proba se faga de xeito ben programado e con garantías.

Don Ernesto Vázquez-Rey informa que o Consello de goberno aprobou a participación dos estudantes no Consello galego de universidades, e pide que o Consello Social se sume. Así mesmo advirte e critica que a web do programa de doutoramento do Campus Crea estea “integramente” en castelán polo que pide respecto para “a segunda lingua”. Don Ernesto Pedrosa amosa a súa receptividade á proposta, e don Salustiano Mato di que pedirá as explicacións oportunas para coñecer a situación, que de ser como se expón se rectificará de inmediato e reitera que “a segunda lingua para nós é o castelán, non o galego”.