cabecera

Reunión Ordinaria da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social

24 07 2017. Categorías: Actividades e servizos 2017, Comisións

O pasado venres, 21 de xullo, a Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social celebrou unha reunión ordinaria onde se trataron os puntos recollidos na orde do día. Nesta sesión, a Comisión acordou, principalmente, conceder axudas económicas para a o desenvolvemento das IV Xornadas de Fundraising e Mecenado, do V Ciclo de Conferencias de Dereito Concursal ou para apoiar as actividades orientadas á celebración do Día do científico galego, entre outras.

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (16.05.2017).

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe do presidente.

- Acordo sobre a difusión das ponencias das “IV Xornadas de Fundraising e Mecenado” e axustes do patrocinio.

A proposta do presidente, e consonte orzamento que se presenta, os presentes acordan aprobar a asignación de 484 € para a creación dunha área na web para colocar as ponencias presentadas nas pasadas Xornadas de Mecenado e Fundraising.

PUNTO 3

Acordo que proceda sobre a solicitude de apoio económico para a organización, en Pontevedra, do “II Congreso de estudos internacionais de Galicia”.

Resume don Ernesto Pedrosa que se trata dunha iniciativa a celebrar en Pontevedra no mes de setembro, que acada a segunda edición. Aberto ao público en xeral e aos estudantes especialmente, abordará unha reflexión do que está a acontecer en Europa, cos obxectivos de impulsar a conciencia cívica sobre os retos e potencialidades que representa para Galicia o espazo europeo, e alentar intercambios académicos e científicos, entre outros. Está dirixido por Celso Cancela, Álvaro Xosé López e Xulio Rios.

  • Concédese a axuda económica solicitada.

PUNTO 4

Acordo que proceda sobre a petición de axuda para a organización do “V Ciclo de Conferencias de Dereito Concursal”, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O presidente explica que o ciclo está orientado a alumnos de Ciencias Xurídicas e do Traballo, de Ciencias Económicas ou Empresariais, para que coñezan cuestións prácticas do proceso concursal, que serán explicadas por profesionais de recoñecido prestixio. As conferencias tamén serán de acceso libre a calquera persoa interesada. O ciclo está coordinado por Pablo Fernández e os directores son Anxo Tato e Julio Costas.

  • Concédese a axuda económica solicitada.

PUNTO 5

Acordo que proceda sobre a solicitude de axuda para a organización das xornadas “Muller Romana e Actualidade: unha visión próxima”, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

Don Ernesto Pedrosa afirma que o programa ten como obxectivo poñer en evidencia os avances lexislativos en materia feminina, pero tamén os erros seculares respecto á situación das mulleres. Entre os recoñecidos poñentes figuran investigadoras de toda España no ámbito da muller, e expertos internacionais como o ex-ministro italiano de Xustiza Oliviero Diliberto. Está dirixido por María Xosé Bravo.

  • Concédese a axuda económica solicitada.

PUNTO 6

Acordo que proceda sobre a axuda solicitada para a participación de alumnos no proxecto “Intervención arqueolóxica e posta en valor do castro galaicorromano de Sta. Lucía”, en Castrelo de Miño-Ourense, durante o mes de agosto.

Consonte a proposta que se presenta, está prevista a colaboración de 20 voluntarios en labores de aprendizaxe e culturais relacionadas co ámbito da Historia e do Patrimonio, completando a súa formación e facilitando a súa empregabilidade. Conforme se recolle na documentación, parte dos voluntarios participan en réxime de prácticas oficiais do Grao en Xeografía e Historia (alumnos da Facultade de Historia de Ourense), e outros proveñen doutras universidades tamén portuguesas.

  • Concédese a axuda económica solicitada.

PUNTO 7

Acordo que proceda sobre o patrocinio solicitado para desenvolver actividades conmemorativas para a celebración do “Día do científico galego do ano”, dedicado á figura de Baltasar Merino.

O Día do científico galego está dedicado este ano ao Padre Baltasar Merino, un destacado mestre que ensinou en A Garda e que pasou á historia polos logros nos campos da Botánica e a Meteoroloxía. Os organizadores dos actos salientan que as actividades previstas reforzarán a visibilidade da UVigo nos actos de celebración e entre a cidadanía, ao achegar e propiciar experimentos meteorolóxicos entre o alumnado de diversos institutos de educación secundaria, tal e como os facía o Padre Merino fai máis dun século. Tras as reflexións do secretario, os asistentes valoran colaborar nas actividades prácticas a desenvolver nos institutos: adquisición de material, xerador e medidor de man de ozono, e desprazamentos aos centros.

  • Concédese a axuda económica solicitada.

PUNTO 8

Acordo que proceda sobre a posible achega económica do Consello Social para as Xornadas das xerencias universitarias de España, previstas en Vigo o próximo mes de setembro.

A Universidade de Vigo acollerá os días 20, 21 e 22 de setembro aos equipos xestores das universidades españolas, nunhas xornadas nas que debaterán, reflexionarán, actualizarán e compartirán boas prácticas e coñecementos sobre materias e problemas da súa competencia. Entre 150 e 200 persoas participarán nas Xornadas. Os membros examinan o amplo e intenso programa que se presenta, no que se falará sobre o futuro das universidades, a rendibilidade social da universidade, a profesionalización da dirección, os retos na xestión da administración electrónica ou as estratexias de futuro na xestión da I+D+i.

  • Concédese a axuda económica solicitada.

PUNTO 9

Rogos e preguntas.

Don José María Franco suxire elaborar unha historia do Consello Social de Vigo, e interésase pola posibilidade de reunir en Vigo aos presidentes dos Consellos Sociais de España. Comenta don Ernesto Pedrosa que ambas actuacións están contempladas a medio prazo.