cabecera

Ernesto Pedrosa: “Estas xornadas serán beneficiosas para a sociedade no seu conxunto”

20 09 2017. Categorías: Actos, Actos 2017, Discursos, Discursos 2017

Intervención de Ernesto Pedrosa nas XXXV Xornadas de Xerencia Universitaria

Dúas cousas quero dicirlles antes de empezar: é un pracer para min estar hoxe aquí, e non me estenderei moito.

Saúdo aos meus compañeiros de mesa: Reitor, conselleiro, xerente, Manuel… e a todos vostedes.

Debo anticiparlles que a miña primeira atracción polos xerentes produciuse cando, ante unha reforma educativa, hai algúns anos, oín a un de vostedes afirmar entón que “ás perdices non se lles pode pedir que fagan a lei de caza”.

Non sei por que, pero sorprendeume que a enxeñosa e atinada comparación saíse de filas onde non esperaba eu moitas licenzas, seguro que polo meu propio descoñecemento. Así que agora non lembro quen dixo por primeira vez que non hai nada tan poderoso como unha idea á que lle chega o seu momento. Pero á vista do fondo e a forma do programa destas xornadas empezo a crer que foi tamén un xerente quen o fixo. Ou sexa, que xa lles outorgo capacidade para sorprenderme. Polo que, xa postos, debeu ser un xerente así mesmo quen afirmou que as universidades, “ademais de formar profesionais e investigadores, deben estar á altura dos tempos”, o que vindo dun xerente é toda unha garantía de que imos ben. E niso parece que seguen.

Porque vostedes traen a Vigo un modelo de formulación de alternativas para unha universidade tradicionalmente máis afeita facer diagnóstico da situación. Vostedes veñen a Vigo a fraguar unha contribución xenerosa e de extraordinario valor, porque se orienta a que as universidades poidan seguir sendo esa gran factoría de esperanzas e solucións que moverán as fronteiras mentais e do coñecemento. Por iso estás xornadas serán tamén beneficiosas para a sociedade no seu conxunto. Porque ademais, coñecéndolles, creo que vostedes, máis que vir pensar xuntos, veñen empuxar xuntos.

Veñen avalados por ser aliados avanzados na modernización das universidades, na transparencia, na avaliación, nas melloras, nos procedementos… realmente creo que nada lles é alleo, porque vostedes os xerentes son versátiles, decididos e globais; moi necesarios, por tanto, nunha España na que ás universidades, como a tantas outras cousas, poñémoslles a miúdo demasiadas raíces e concedémoslles escasos ventos. Lamentablemente.

Sei dos desvelos do xerente da Universidade de Vigo, Manuel Fernández Jáuregui, e o seu equipo durante os tres últimos meses. Primeiro, para terlles aquí; segundo, para que estean a gusto; terceiro, para que se vaian contentos; e cuarto, para que perduren estas xornadas nas súas memorias. Os dous primeiros obxectivos xa os cumpriu; para conseguir os outros dous confío en que tamén vostedes contribúan.

Ben, para non alongarme, resúmolles:

Vostedes fixeron xa méritos suficientes para seguir nos Consellos Sociais, e mesmo para ser tratados co maior dos afectos e consideracións. Deséxolles, sinceramente, que sobrevivan a estas esixentes xornadas e mesmo que as gocen.

Agradezo esta invitación feita ao Consello Social, pois son consciente da honra de estar nesta mesa. Forman vostedes un auditorio que impón, e quero dicirlles que o que salga de aquí, as conclusións dos seus coñecementos, das súas experiencias e das súas reflexións, entrará directamente nas nosas axendas e en nosa máis alta consideración.

Moitas grazas e benvidos.

Vigo, 20 de setembro do 2017