cabecera

Ernesto Pedrosa: “Os titulados acumulan un inmenso poder para difundir e fortalecer o coñecemento masivo da universidade”

Intervención de Ernesto Pedrosa na presentación da primeira parte do libro de Luis Espada e Victor Fernández  sobre a evolución da oferta académica da Universidade

O que se presenta aquí é o resultado -aínda inacabado- dun proceso que iniciou o Consello Social polo 2010 para crear un Observatorio de titulados da UVigo. O presidente da Asociación Alumni, José María Franco, foi parte importante no nacemento da iniciativa; e o ex reitor Luís Espada foi o motor imprescindible do seu desenvolvemento, coordinando dende entón tres estudos que deron corpo ao proxecto.

Xa no 2016, o Consello Social aprobou e destinou os primeiros recursos para crear o Observatorio. E este traballo é o primeiro resultado, que terá unha segunda parte a finais de ano cando se complete a documentación que permitirá dispoñer dunha base de datos accesible, operativa e certa sobre os case 72 mil titulados da UVigo nos seus 25 anos de vida.

Os profesores Luis Espada e Victor Fernández Cacharrón investirían entón cantidades inimaxinables de horas e esforzos para acceder a miles de datos, extraídos en gran parte da máis absoluta escuridade. O que inicialmente foran miles de cartas e miles de correos electrónicos, miles de devolucións e miles de non respostas, convertéronse na máis precisa foto da historia da UVigo, construída coas vidas dos seus titulados. Un fito no mundo universitario da contorna, e que amosa a cara ata agora descoñecida dunha universidade que se somete ao exame do seu pasado. Que estaba por contar.

Os datos recolleitos neste vídeo estatístico que estaba por ver merecen un seguimento atento e posibilitan moitas reflexións. Luis Espada mostrará os datos, pero quero mencionar algunhas alertas que me parecen relevantes sobre unha universidade que comezou con nove titulacións e ofrece xa 112. Que en 25 anos entregou 82.330 títulos a 71.487 persoas de 50 países, unha gran maioría mulleres e máis da metade correspondentes á rama Xurídico-Social.

Nas súas laboriosas pescudas, o equipo de Luis Espada descubriu que en 68 países do mundo hai titulados da Uvigo traballando, e moi importante: a maioría na especialidade para a que se formaron. E fano cos coñecementos adquiridos na UVigo. Temos entón un indicador de calidade do ensino que imparte e da súa aplicación.

Pero tamén coñeceremos como foi a súa traxectoria vital e profesional, onde traballan, o tamaño da organización, en que lugar do mundo están, con que mobilidade laboral, cal é o seu status, en que medida foilles útil o que estudaron ou que materias quitarían ou potenciarían agora que coñeceron o esixente mercado laboral; e que lle falta ou lle sobra á carreira. Estas son só algunhas das exhaustivas, profundas e abundantes informacións que extraeremos deste traballo, que nos permitirán descubrir e aflorar unha universidade case descoñecida.

Máis alá de aproveitar as súas posibles clases maxistrais, de converterlles en impagables aceleradores de emprego, ou de proclamarlles potenciais financiadores, os titulados acumulan un inmenso poder para difundir e fortalecer o coñecemento masivo da universidade xunto á reputación da propia marca universitaria. Son en si mesmos axentes mediáticos e fontes de gran interese para os medios.

E se pensamos que as esixencias laborais de determinados perfís profesionais avanzan máis rápido que o ámbito académico, que hai un desequilibrio entre as titulacións máis demandadas e as que teñen mellor inserción laboral, e que a educación ten que aspirar a conectar o que se sabe ou se pode chegar a saber, co que se fai, ou se vai a poder facer, a experiencia dos titulados volve ser tan valiosa coma imprescindible.

Así pois, dende o Consello Social cremos que a UVigo gaña hoxe un poderoso músculo. Porque os exalumnos poden achegar unha información insubstituíble para coñecer o valor, a calidade e a utilidade dos ensinos que imparte a universidade. E porque a Universidade pódeos seguir tendo preto e obtendo deles non só unha guía para adecuar os seus plans e os seus ritmos á realidade próxima, senón tamén porque lle propiciarán que estea preto da sociedade que a sustenta.

Estou convencido que para a Universidade será de enorme proveito este estudo. Para a sociedade tamén, porque as súas conclusións axudarán a estimular o compromiso e a confianza na institución universitaria. É ademais un exercicio de transparencia e de medición de resultados sen temores nin complexos, unha constante na actitude coa que goberna Salustiano Mato esta universidade, e ao que lle recoñezo tamén o seu firme apoio a este Observatorio.

Remato cun dato: en 2020 calcúlase que só un 15% dos postos de traballo en Europa serán de baixa cualificación, e hoxe en España a porcentaxe de adultos con só estudos obrigatorios triplica esa cifra. Aí hai moito por facer. A ese reto tamén están chamados os titulados.

A máxima gratitude do Consello Social aos profesores Espada e Cacharrón por este traballo imprescindible.

Vigo, 6 de xullo do 2017