cabecera

Intervención de Ernesto Pedrosa nas IV Xornadas de Fundraising organizadas polo Consello Social en colaboración coa Universidade de Vigo

12 05 2017. Categorías: Discursos, Discursos 2017

Vigo, 4 de maio 2017

INTERVENCIÓN IV XORNADAS DE FUNDRAISING

Ernesto Pedrosa

Bos días,

Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, Presidente da Comisión de relacións coa sociedade, da Conferencia de Consejos Sociales de España, Lalo Azcona, e a todos vostedes. Preparamos esta cita como un evento excepcional e singular pola temática, mais tamén pola relevancia, prestixio e experiencia dos poñentes. Así que é unha satisfacción velos hoxe aquí e agradézolles sinceramente que a cuestión que nos convoca mereza a súa atención e o seu tempo.

Permítanme unha mensaxe expresa para os representantes dos Consellos Sociais de España presentes neste acto, presidentes e secretarios, cos que compartimos que a procura de novos modelos de financiamento e de recursos para as universidades é, ademais dun compromiso que debemos asumir, a mellor maneira de activar todas as capacidades dos Consellos Sociais (aos que, ás veces, parece que o lexislador colocou en rotondas sen saídas) e o mellor camiño para mostrar as súas posibilidades e mover os seus límites en direccións acertadas. Non se trata simplemente dunha acción económica sen máis, trátase, sobre todo, de que, aproveitando a súa posición, os Consellos Sociais adquiran coa súa aposta polo mecenado, o fundraising e todas as súas variantes, un sentido pleno, e contribúan co seu activismo nestes campos a crear territorios e sociedades máis sostibles, máis solidarias, máis participativos, máis unánimes e máis resistentes.

Estamos aquí, pois, cun obxectivo que parece claro, mais o camiño non tanto, porque requirirá un importante cambio de mentalidade na aínda incipiente cultura do patrocinio en España, aínda que o mecenado e as súas manifestacións converteuse nun clamor, nunha forma de vida. O cambio que comporta é maiúsculo. Porque os seus ámbitos de influencia non son simplemente impulsos nos campos da cultura ou da educación, senón que están tamén, por exemplo, no ámbito sanitario. Conciencia social podería dicirse, na cal se deberán combinar os legados das grandes fortunas coas doazóns das grandes empresas e a contribución de cidadáns correntes. Todo suma. O afecto tamén. E como podemos os Consellos Sociais ser máis útiles á causa de fomentar a chegada de recursos externos á universidade?

Na miña opinión, situando entre os maiores obxectivos aos que debe aspirar unha universidade dispoñer do recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén -porque aí é onde se xoga os seus resultados e os seus recursos, e, por tanto, aí debemos estar tamén os Consellos Sociais- Como se consigue esa interacción? Pois entendo que con visibilidade. As universidades non alcanzarán os seus obxectivos importantes (entre os cales está a captación de recursos) ata que consigan ser material informativo fluído, recoñecible e transparente, ata que a sociedade as entenda, as integre, as queira e as sinta útiles. E por todo o exposto, entendo que a captación de fondos é unha opción dinámica poderosa para que a Universidade entenda tamén que debe relacionarse máis coa saciedade, se non quere correr o risco de volverse irrelevante, e incluso prescindible. Porque a universidade intervén e mellora as nosas vidas máis do que pensamos, e a sociedade parece que aínda non o sabe.

Teño que dicir que, coa chegada de Lalo Azcona á presidencia do Consejo Social de Oviedo, e á presidencia da Comisión de Relaciones coa Sociedad de la Conferencia de Consejos Sociales de España, se intensificou o interese polo Mecenado, coa creación dunha comisión de expertos implicada no fomento das achegas privadas ás universidades e a elaboración dun libro branco sobre Mecenado universitario. Nestas xornadas tenderemos mañá un avance sobre o traballo desa comisión, no cal será un referente básico propoñer unha nova normativa sobre Mecenado.

Ao respecto recordo que hai cinco anos, cando naceron estas Xornadas de Vigo, o entón responsable ministerial de Promoción de industrias culturais e de fundacións e mecenado avanzaba o anteproxecto de participación cidadá no mecenado. Hoxe, a Lei do Mecenado segue no horizonte, un bo sitio para colocar o que se busca, mais moi malo para dispoñer do que se necesita.

Tamén no programa destas xornadas deixamos un espazo aos Alumni, porque nos parecen un valor básico nesta misión, e non só porque –como din os expertos- teñen tres veces máis probabilidades de doar que os graduados- tamén porque con eles se estende o impacto universitario e se visualiza e se socializa o valor da universidade.

No caso concreto do Consello Social da UVigo traballamos en diferentes ámbitos de forma combinada para fraguar, inculcar e proxectar socialmente o valor das achegas á universidade. Organizamos actos de recoñecemento aos empresarios e organizacións que teñen relacións estables coa universidade; promovemos desde hai un ano a localización dos 71 mil egresados da UVigo durante a súa historia, desde 1980 ata 2015 para crear agora unha base de datos operativa cos 11 mil fidelizados; convocamos os plenos en recintos empresariais ou institucionais; patrocinamos un estudio para coñecer o grao de satisfacción e confianza dos alumnos, porque queremos saber se saen contentos; apoiamos aos alumnos sénior nas súas actividades, así como á Asociación Alumni; financiamos accións académicas abertas á sociedade que fomenten a divulgación, a formación e a transferencia… Trátase de acercarse.

Con esas referencias, téñennos aquí hoxe, 4 de maio de 2015, en Vigo, reunidos nesta sala, tratando de ensaiar aceleracións nun camiño que –a xulgar polos prognósticos dos analistas- se o deixamos só, podería dar resultados -como moi pronto- cando estuden os nosos bisnetos.

A xulgar polos datos, España é un país de filántropos de clase media. Non entrarei nos estudos que existen ao respecto máis que para sinalar que en España as achegas ás ONG crecen, mais a universidade non é destino prioritario, (moito antes están as campañas contra a fame, o desenvolvemento dos países pobres ou a axuda á infancia), e para as grandes fortunas, tampouco. Non é o caso de Estados Unidos, onde arredor dos cidadáns que alcanzan un determinado estatus xorde automaticamente unha expectativa social, porque dos ricos espérase que lideren iniciativas filantrópicas.

Mais en Galicia podemos ser máis optimistas: primeiro porque a vida ensinounos as vantaxes de ir poñendo solucións e arranxando problemas cando non hai por quen esperar, e aprovisionounos tamén dun instinto especial para saber entender cando o que se nos pide hai que dalo. Historicamente movémonos ben entre a compaixón e a filantropía. A nosa facilidade para a esmola aos santos ou aos necesitados no mundo rural, tróuxonos ata o crowdfunding global case sen darnos conta. E esa presteza de ánimo colaborador non nos pode ser allea. Oxalá saibamos converter esa doazón emocional nunha vinculación máis continuada e poidamos encauzala nese tránsito cara a universidade.

Un exemplo perfecto do valioso que pode resultar o esforzo sincero e conxunto cando se persegue un obxectivo común, e, sobre todo, se a situación é adversa, represéntao a emigración. Como se sabe, Galicia emigrou moito en tempo e forma. Mais esa emigración creou un substrato no cal a xenerosidade e a filantropía, acompañadas pola necesidade, permitiron brotar sociedades benéficas, centros de maiores e hospitais punteiros, en edificios asombrosos, por todo o mundo, e en América en especial. Creo que tamén ese espírito temos que rescatalo, coidalo e orientalo cara ás causas tan convenientes como a que nos ocupa.

E outro exemplo non menos estimulante para extraer conclusións foi a recente campaña de micromecenado promovida por un grupo de investigadores do cancro, dun Instituto de Santiago, que se propuxeron reunir medio millón de euros en 90 días, para desenvolver a biopsia líquida, unha revolucionaria técnica que a través dunha mostra de sangue permitirá anticipar a detección de tumores e adecuar mellor os tratamentos. Empezaron a campaña a principios de xaneiro, o 11 de abril recibiran xa 535 mil euros, grazas a 11.500 doadores, un 95% individuais. Unha mobilización xeral de profesionais, colectivos, consumidores…. Pura sociedade civil, que aportou desde 1,20 euros enviando un sms, ata 3.000 euros que foi a maior doazón. Tampouco debe ser malo que os galegos sexan os máis solidarios coas oenegués, só por debaixo, por certo, dos asturianos.

E finalizo. A LOU pídenos aos Consellos Sociais que promovamos a colaboración da sociedade no financiamento da universidade. Mais faltan instrumentos, condicións, incentivos, estímulos, conciencia social… demasiadas adversidades, ás que hai que unir que o concepto de fundrasing nas universidades aínda se asocia máis ao de boutique que ao industrial. Todo isto explica que, ás veces, pedir doazóns para as universidades sexa case como pedilas para Facenda.

Quero agradecer a imprescindible achega do Gabinete do Reitor, dirixido por Ciprián Rivas, a estas Xornadas; e a valiosa colaboración de Regina Carreira nesta edición. Tamén á Conferencia de Consejos Sociales pola súa implicación. Moitas grazas aos poñentes por traernos o seu magisterio e a vostedes por ter conciencia de que este é un camiño a recorrer. Espero que os que veñen de fóra eviten o risco de que os confundan con hooligans do Manchester, e desexo que todos algún día recordemos que aquí demos un paso na dirección acertada.

Ver video na UVigo tv