cabecera

En tempos de viralidade, o protocolo reivindícase como unha ferramenta para as institucións

20 04 2017. Categorías: Prensa, Prensa 2017

“Cando o presidente da Generalitat de Cataluña Josep Tarradellas retornou do exilio e tivo unha xuntanza con Adolfo Suárez, díxolle que todo era negociable menos o protocolo”. Con esta anécdota puña de relevo o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos a importancia dunha disciplina que conforma a “visibilidade dunha institución”, e que nas xornadas de mércores e xoves centra nesta facultade pontevedresa as VI Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública–XVII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo. Con 205 estudantes matriculados, o “curso complementario máis antigo da Universidade” reúne a unha quincena de conferenciantes para abordar desde diferentes ópticas a imaxe pública das institucións. Entre eles, o subdirector xeral de Protocolo e Cerimonial de Estado, Alejo Arnáiz, quen define o seu labor como o dun “fallero”, xa que a organización de actos implica meses de traballo previo que só se fan visibles nun momento concreto.

A participación de 3966 estudantes e 300 relatores e a publicación de catros libros constitúen o balance que acumula ao longo destes 17 anos un curso que se retransmite en directo a través de UVigo-TV desde a que está a ser seguido desde 18 países, segundo apuntou Ramos, director desta xornadas. No acto inaugural, o reitor, Salustiano Mato, tamén puxo o acento na importancia que ten a temática das xornadas “nun mundo global dominado pola viralidade”, no que, apuntou, “estamos abandonando excesivamente a linguaxe institucional, estamos abandonando as formas e esquecéndonos de que cando ocupamos un posto de representación temos que ser a voz de todo o colectivo que representamos”. De aí que salientase a importancia do protocolo “á hora de transmitir as propostas e posicións de cada institución”.

Este acto de apertura contou tamén coa participación do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, quen salientou que se trata dunha actividade que “engrandece ao campus” e á que é a súa “semana grande”, a Semana da Creatividade e da Innovación; e do decano, Xosé Baamonde, quen incidiu na importancia deste tipo de actividades complementarias, xa que “a vida universitaria non é só asistir á clase”. O presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, incidiu pola súa banda na importancia da comunicación, que foi tamén o eixo do foro promovido por este organismo que este martes serviu como preludio ás xornadas, nun acto que contou tamén coa presenza do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, quen afondou tamén na relevancia dunha disciplina “que ten un pasado, pero tamén un futuro nas relacións entre diferentes administracións”, antes de recibir un diploma en recoñecemento ao apoio da Deputación ás xornadas.

Ver nova no Duvi
Ver nova da Voz de Galicia
Ver nova do Diario de Pontevedra
Ver nova do Diario de Pontevedra