cabecera

A Universidade reflexiona sobre si mesma e a súa comunicación no III Foro do Consello Social

19 04 2017. Categorías: Prensa, Prensa 2017

Promover “unha reflexión da Universidade sobre si mesma” é, como explica o profesor Fernando Ramos, o obxectivo central do III Foro do Consello Social que, con ese propósito, propón este martes un debate sobre a comunicación da propia institución académica e as súas relacións coa sociedade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Con ese obxectivo, representantes de diferentes medios participaron nun coloquio sobre o tratamento informativo da Universidade de Vigo na prensa galega, nunha xornada na que tamén se abordou a imaxe simbólica da institución e o labor que realizan os seus servizos de comunicación e imaxe.

“Sen dúbida, os medios son os grandes configuradores do mundo”, salientou o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, no acto de apertura da terceira edición dun foro que leva por título Comunicación e relacións públicas para a universidade moderna, e no que estivo acompañado por Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus, e Fernando Ramos, director académico das xornadas. Un foro que “ten como obxectivo representar unha imaxe fiel da Universidade”, na que, como salientou Pedrosa, a comunicación é un “vehículo imprescindible para facer posible” que a institución e a sociedade “fragüen un proxecto colectivo de futuro”.

Na procura dun maior “coñecemento mutuo”

Corbacho, pola súa banda, lembrou que Vigo atópase entre as 50 mellores universidades novas do mundo, fundadas a partires de 1986, segundo o ranking de The Times Higher Education, un fito ao que “as estratexias de comunicación teñen contribuído sen dúbida”. De aí que puxese o acento na importancia que teñen para a institución a comunicación e o protocolo, como demostra un foro que se verán sucedidas nesta facultade polas VI Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública, que se desenvolven nas xornadas de mércores e xoves con máis de 200 estudantes matriculados, e pola celebración no campus de Vigo, entre o 25 e o 27 de maio, do XVI Encontro de Responsables de Protocolo e Relacións Institucionais das Universidades Españolas- VIII Encontro hispano-luso de Protocolo Universitario.

Nese mesmo senso, Ramos puxo o acento en que servir como “elo que relacione a universidade coa sociedade” é un dos propósitos fundamentais dos consellos sociais, aspecto no que tamén incidiu Pedrosa, quen subliñou a importancia de “propiciar o diálogo e o coñecemento mutuo” para evitar “os espazos escuros que moitas veces imposibilitan o encontro entre a universidade e a sociedade”. Neste punto, o presidente do Consello Social recoñeceu “grandes avances”, xa que os medios “incrementaron notablemente o espazo reservado á información universitaria”, ao tempo que salientou que as universidades se atopan nun “fin de ciclo” que fai preciso “renovas as linguaxes, o modelo, os obxectivos e os recursos, pero, sobre todo, a conexión coa sociedade”.

Ver nova do Duvi
Ver nova do Faro de Vigo
Ver nova do Atlántido Diario 
Ver nova de La Voz de Galicia 

Ver nova do Diario de Pontevedra