cabecera

A comisión Executiva do Consello aprobou a memoria de actividades correspondente a 2015 para a súa edición

09 11 2016. Categorías: Executivas, Executivas 2016

A Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social que se reuníu o 16 de novembro ás 12:00 na Sala II do Edificio Miralles no Campus de Vigo aprobou tódolos puntos da orde do día, entre os que se atopaban a aprobación de modificiacións do regulamento para aprobar axudas do Consello e a concesión dunha axuda económica á “I Feira de emprego xurídico de Galicia-Norte de Portugal”, promovida dende a Facultade de Dereito, do Campus de Ourense. Tamén se aprobou a memoria de actividades correspondentes a 2015, da que se fará unha edición para a súa distribución.

 

1.      Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (13/10/2016)

Apróbase por asentimento.

2.      Informe do presidente

          a)   Resumo das iniciativas promovidas ou apoiadas pola Comisión ao longo do ano 2016

Os asistentes recibiron un resumo das axudas concedidas pola Comisión ao longo de 2016 co que poder informarse a fondo.

3.      Aprobación, se procede, da modificacións dos puntos 5 e 6 das normas que regulan as axudas do Consello Social

      A Comisión acorda abrir vías que posibiliten seguir apoiando iniciativas que superen as seis edicións de patrocinio do Consello Social, opción que as actuais normas non permiten, así como reservar a decisión de aplicar ás axudas aprobadas unha redución do 20% respecto á cantidade concedida na edición anterior. Os membros entenden que hai casos de indubidable transcendencia e manifesto interese, que poderán ser admitidos excepcionalmente cando se xustifiquen con argumentación suficiente.

As correccións xa están dispoñibles na web.

4.      Acordo que proceda sobre a solicitude de axuda para a organización da “I Feira de emprego xurídico de Galicia-Norte de Portugal”, promovida dende a Facultade de Dereito, do Campus de Ourense

Don Ernesto Pedrosa explica que a Facultade de Dereito organiza a primeira iniciativa deste tipo que, no eido xurídico, se desenvolve en Galicia, para facilitar oportunidades de emprego ao alumnado da área xeográfica que comprende Galicia e o norte de Portugal, para mellorar a calidade do emprego dos titulados en áreas xurídicas, e para achegar a Facultade á sociedade da contorna. Contará con mesas redondas, expositores e obradoiros, intervencións de profesionais, intercambio de experiencias e stands de despachos e empresas que faciliten o contacto real con estudantes.

A Comisión acorda outorgarlle unha axuda económica.

5.      Acordo que proceda sobre a petición de axuda presentada por AEMPE para a organización, en Pontevedra, dunhas xornadas técnicas para difundir a oferta formativa existente

 Resume o presidente este punto comunicando que a Asociación de empresarios de pequena e mediana empresa de Pontevedra, prepara unhas Xornadas técnicas abertas, para difundir a oferta formativa da zona e aproveitar o talento universitario. Están previstas na Casa das Campás, e teñen como obxectivo que empresas e estudantes acaden un contacto directo. Os actos desenvolveranse mediante conferencias que abarcarán aspectos como a necesidade de innovar nas pymes, a integración da universidade no mundo da empresa, as axudas para empresas e universitarios emprendedores ou talleres de emprendedores (para universitarios e público en xeral). Feitas distintas consideracións sobre a iniciativa e a organización por parte dos presentes, a Comisión acorda outorgar unha axuda económica.

6.      Aprobación, se procede, da Memoria de actividades do Consello Social correspondente a 2015, e a súa edición

Apróbase a memoria e a súa edición.

7.      Rogos e preguntas

A secretaria xeral da Universidade de Vigo presenta un balance da Feira conxunta Vigo-Oporto do emprego universitario, celebrada durante dúas xornadas en Vigo e outras dúas en Oporto, impulsada por estas universidades e a de Tras-Os-Montes e Alto Douro. Dona Gloria Pena sinala, entre outros logros deste proxecto de cooperación interuniversitaria en empregabilidade Galicia-Norte de Portugal pioneiro en Europa, que congregou a máis de 5.000 estudantes, a maioría egresados e con dominio do inglés, e 120 empresas e institucións que na primeira xornada tiñan recibido xa cerca de mil currículos, tramitados mediante un áxil e novidoso sistema informático programado para evitar colas e concentracións dos asistentes. Cualifica de exitosa esta primeira e dobre experiencia da feira presencial, pola actividade xerada e porque aportou ademais valiosos datos para configurar, dunha parte, o perfil formativo e as aspiracións dos egresados; e doutra, os perfís e  habilidades  demandadas polas empresas.

Acta da reuniómn ordinaria da comisión de Actividades e Servizos o Consello Social do 16/11/2016

Documentos dos puntos da orde do día