cabecera

Novo pleno do ‘Consello Social’ para tratar decisións tomadas en comisións

20 10 2016. Categorías: Plenos, Plenos 2016

O xoves, día 20 de outubro de 2016, ás 17:45 horas, celebrouse sesión ordinaria do Pleno do Consello Social da Universidade de Vigo co obxecto de tratar os seguintes puntos da Orde do día:

1.    Aprobación, se procede, da acta da reunión anterior (27/07/2016)

 Apróbase por asentimento.

2.    Informe do Presidente

Don Ernesto Pedrosa reflexiona sobre o cometido dos Consellos Sociais e as diferentes casuísticas que afrontan. Dá conta de distintos indicadores referidos, entre outros, á porcentaxe de poboación entre 25 e 64 anos que ten un título superior en España, a evolución da porcentaxe de egresados maiores de 40 anos; e o aumento dos alumnos que superan 40 anos, con un 87% de éxito. Fronte a estes datos, que anuncian un importante cambio sociolóxico e unha notable extensión da labor universitaria, contrapón a puntuación que lle dan os cidadáns ás universidades (apenas un 2,48% nunha escala de 0 a 5, consonte unha consulta feita pola Comisión nacional dos mercados e da competencia) concluíndo que é tarefa de cada un dos membros distinguir e dar a coñecer as universidades que fan ben o seu traballo, “para que poidan ser identificadas e rescatadas desa inercia que as cualifica a todas por igual”.

Alude finalmente o presidente á documentación remitida aos membros, na que figura unha copia da correspondencia entre o Consello Social e a Alcaldía de Vigo sobre os terreos da ETEA e o proxecto do Campus do Mar, e na que se inclúe un resumo de asistencias e ausencias aos plenos do Consello Social. No transcurso da sesión dá a benvida a don Javier Casares, nomeado conselleiro en representación do Parlamento de Galicia.

3.    Informe do Reitor

Don Salustiano Mato dá conta de varios temas de actualidade, principiando polo coñecido Decreto 3+2 respecto ao que informa da creación dun equipo de traballo entre o Ministerio e os reitores “para poñerlle un punto de sensatez” a este asunto, que evite ter titulacións iguais con duracións diferentes. Sobre como será o acceso á universidade, explica que se está á espera de que se aclare como será a proba para que os alumnos saiban a que aterse, engadindo que en Galicia se está traballando neste punto de forma máis rápida que noutras comunidades.

De seguido informa de liderados que asume a Universidade de Vigo en varios campos e ámbitos; da intención de intensificar todo tipo de transferencia de coñecemento; da taxa de éxito acadada na matrícula de alumnos, aínda sen rematar, pero moi por riba das outros universidades galegas; da negociación e a espera por unha resposta do Concello de Vigo sobre a rebaixa do IBI; da situación do proxecto do Campus do Mar e as dificultades xurdidas co Concello de Vigo para a cesión dos terreos da ETEA; da creación dun Centro aeroespacial que se está a impulsar en Galicia e dos contratos e convenios de colaboración con institucións e empresas do sector, entre outros coa Axencia espacial europea; e das presións que se están a producir sobre o mapa galego de titulacións, á espera de que a Xunta tome unha decisión ben para modifícalo ben para mantelo pechado.

Pregunta don Xosé Manuel Atanes ao Reitor por que cree que obstaculiza agora o Concello de Vigo a cesión dos terreos da ETEA. Don Salustiano Mato responde que todo está pendente do presidente do Consorcio da Zona Franca -“que é o alcalde”-, que estima que o debe ceder a Xunta, “polo tanto agardamos a que o explique e o aclare tan pronto se forme o Executivo”. O Reitor declara que pola súa banda só busca “avanzar e sumar”.

4.     Informe que proceda sobre a RPT do persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Vigo, aprobada polo Consello de goberno en sesión de 10 de outubro de 2016, consonte o artigo 75 3.h da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Pleno acorda informar favorablemente.

5.     Informe que proceda sobre a RPT do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, aprobada polo Consello de goberno en sesión de 10 de outubro de 2016, consonte o artigo 75 3.h da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia

Pleno acorda informar favorablemente.

6.     Acordo que proceda sobre a asignación de complementos a seis profesores da Universidade de Vigo polos cargos de xestión. Convocatoria 2015 (consonte resolucións da CGIACA de 22 de xullo de 2016)

O Pleno acorda a asignación.

7.     Acordo que proceda sobre a asignación de complementos por cargos de xestión á profesora dona Paloma Morán Martínez, unha vez subsanado pola CGIACA un erro na puntuación advertido no Pleno do pasado 27 de xullo.

O Pleno acorda a asignación.

Propostas e acordos da Comisión Executiva (reunión de 28 de xullo de 2016)

8.    Modificación parcial das Normas e recomendacións do Consello Social sobre prezos e taxas dos títulos propios e outros cursos da Universidade de Vigo

O Pleno dá a súa conformidade.

9.    Outros acordos. Aprobación de taxas

O pleno dáse por informado.

Acordos e informes da Comisión de Actividades e Servizos (reunión de 4 de outubro de 2016)

10.    Informe sobre o Observatorio de egresados

O pleno dáse por informado.

11.    Outros acordos. Axudas e patrocinios

 O pleno dáse por informado.

Acordos e informes da Comisión de Actividades e Servizos (reunión de 13 de outubro de 2016)

12.    Aprobación, se procede, da reasignación definitiva das Bolsas-colaboración concedidas polo Ministerio de Educación e Deporte á Universidade de Vigo para o curso 2016/2017

O pleno ratifica o acordo.

13.    Modificación parcial das normas que regulan as axudas do Consello Social

O pleno dá a súa autorización.

14.    Aprobación, se procede, dunha nova convocatoria de Prácticums para o curso 2016/2017 e da correspondente dotación económica. Proposta de revisión das normas

O pleno dá a súa aprobación.

15.    Informe sobre os convenios asinados pola Universidade de Vigo nos meses de xullo e setembro de 2016

O Pleno dáse por informado.

16.    Rogos e preguntas

Acta do pleno do Consello Social do 20/10/2016