cabecera

Ernesto Pedrosa: “Este Pont-Up Store sintetiza e focaliza perfectamente o camiño na boa dirección”

Pont-Up Store

A comezos deste ano 2016 foi presentado en Davos o informe Jobs Report. Concluía que as profesións máis demandadas hoxe polas empresas eran totalmente descoñecidas fai dez anos. E auguraba que na próxima década aparecerán traballos que hoxe non existen.

A ese escenario debemos facerlle fronte. Con audacia, con intelixencia e con apostas claras que convertan os bos propósitos en resultados. Hai que educar para a sociedade que queremos ter, non para a que temos. E aí debe estar a universidade á altura das esixencias: difuminando a barreira entre as humanidades e as ciencias e formando aos alumnos, teñan a idade que teñan, en competencias transversais como a flexibilidade, a adaptabilidade aos cambios, a capacidade de influír ou o trato nas relacións persoais. Nas competencias relacionadas directamente coa xestión das emocións. Porque estes perfís estarán nas preferencias das organizacións. E antes non se falaba de emocións, pero agora sabemos que son parte integral da intelixencia e, moi importante, que son entrañables.

En definitiva, máis competencias e menos teoría, e que o estudante sexa parte activa na aprendizaxe. Dicíao Confucio nunha frase de fai 2.000 anos que resume maxistralmente os tempos actuais: ?Contáronmo e esquecino; o vía e entendino; fíxeno e aprendino?.

Este Pont-Up Store sintetiza e focaliza perfectamente este camiño na boa dirección. Non me deterei eu no programa, aínda que si celebro que preste atención aos nenos, porque tan importante como proverlles de coñecementos é educarlles en competencias e ensinarlles a buscar información,lanzarlles ao mundo, que estean preparados…porque eles farán cousas que nós non soubemos ou podido facer, e porque temos non só o deber senón tamén a oportunidade de educalos para que se coñezan por dentro e tomen decisións xenerosas.

A Pedro Figueroa procede alagaralo por mover a unha universidade e a unha sociedade en tan acertada dirección. Por transformar Pontevedra nun anticipo do futuro, nunha cidade creativa, en vangarda, potente e experimental. Á universidade e ao Concello habemos de recoñecerlles tamén a súa privilexiada perspectiva e a súa lúcida aposta.

E termino. Sabido é que a propensión ao emprendemento dun territorio está intimamente ligado a factores culturais e sociais; factores que como todos sabemos nin se cambian facilmente nin se constrúen a través de accións individuais, por acordos de gobernos ou por leis publicadas nos boletíns oficiais…. Así que como Consello Social aquí estamos, convencidos de que é esta una desas tarefas que polo seu tamaño e transcendencia esixen da participación de todos nós, na medida das nosas posibilidades; só así poderemos afrontar o reto que supón a creación dun caldo de cultivo propicio para levar a cabo iniciativas emprendedoras no marco dun aceptable nivel de tolerancia ao fracaso e onde o prezo que se pague por este sexa socialmente asumible. Conseguilo é tamén un modo de facer cidades mellores, máis habitables, máis avanzadas e máis sostibles..

Únenos a todos, en fin, a firme determinación de ser mellores. Conseguilo require facer un camiño longo e fatigoso, que en Pontevedra, con iniciativas como esta, iniciamos xa.