cabecera

A comisión executiva supervisa as enquisas de satisfación do curso 2014/2015 e os prezos das residencias universitarias

01 04 2016. Categorías: Executivas, Executivas 2016

A comisión executiva do Consello Social da Universidade de Vigo supervisa nunha asemblea ordinaria as enquisas de satisfacción do curso 2014/2015 e os prezos das residencias universitarias. Ademais, supervisan e aproban as taxas dos cursos, analizan as memorias dos cursos pasados e fan un seguimento dos acordos da comisión para comprobar se se cumpriron ou non.

Así a reunión tiña os seguintes puntos do día marcados, coas conseguintes decisión tomadas:

1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (16/11/2015)

Aprobada por todos os asistentes.

2. Seguimento e cumprimento dos acordos da Comisión

Don Ernesto Pedrosa comunica a finalización da etapa de don José Paraños como membro do Consello Social, e a súa substitución por don Emilio Fernández Zunzunegui en representación de CC.OO. Agradece expresamente o presidente o labor e a implicación de don José Paraños, do que deixa constancia.

Sobre un segundo asunto pendente, o presidente informa de que se tratará de xeito específico no seguinte punto, do que informarán en profundidade e responderán ás preguntas don Xosé Mª Gómez Clemente, director da Área de Calidade, que asiste á sesión en compañía do técnico don J. Miguel Dorribo, aos que agradece a súa disposición á chamada do Consello Social.

3. Supervisión das enquisas de avaliación da satisfacción sobre as titulacións oficiais de Grao e Mestrado. Curso 2014-2015

Don Xosé María Gómez informa sobre a metodoloxía complementaria coa que se contrastan as enquisas, así como os procedementos, planificación e iniciativas previstas para incrementar a participación. O director da Área de Calidade subliña que a participación preocupa pero que os centros traballan en plans de mellora nos que se pode incluír medidas correctoras do baixo índice de respostas. Amosa a súa intención de presentar centro por centro as medidas que se adopten ao respecto, sobre as que o Reitor aclara –a preguntas dos asistentes- que non se poden impoñer.

A comisión coincide na importancia das enquisas para mellorar a universidade e para crear unha cultura da calidade. Instan á participación e implicación de todos nesta labor e avogan porque o cuestionario sexa o máis axeitado posible.

4. Supervisión, se procede, das taxas dos seguintes Cursos

I curso de formación en ‘Redacción e presentación de traballos científicos no ámbito químico’, III curso complementario en ‘Técnicas de expresión oral’, I curso complementario en ‘Xestión empresarial a través de ODOO: Aspectos funcionais e técnicos’, I curso complementario en ‘Introdución á creación e xestión de sitios web con WordPress’, XIV curso complementario en ‘Iniciación ao AutoCAD’.

Aclarado polo secretario de que se trata de cursos sen incidencias, que teñen unha aprobación provisional previa, ben por ter principado e mesmo rematado nalgúns casos, a comisión acorda referendar as aprobacións das taxas dos cursos.

5. Aprobación, se procede, das taxas dos seguintes Cursos

III curso de cormación en ‘Estatística avanzada con R para profesionais da saúde’, IX curso de formación en ‘Fundamentos de deseño técnico con Solidworks’, X curso de formación en ‘Fundamentos de deseño técnico con Solidworks’, III curso de formación en ‘Introdución á programación en Python’, VII curso de formación en Deseño e cálculo de instalacións técnicas da edificación e construcións industriais (contorna CYPE)’, II curso de formación en ‘Análise avanzado da información (Microsoft Excel)’, II curso de formación en ‘Programación JAVA’, X curso de formación en ‘Catia V5: Módulos CAD-DMU-CAE-CAM’, XI curso de formación en ‘Catia V5: Módulos CAD-DMU-CAE-CAM’, XII curso de formación en ‘Catia V5: Módulos CAD-DMU-CAE-CAM’, I curso complementario en ‘Planificación e seguimento de proxectos con Microsoft Project’, II curso complementario en ‘Introdución á simulación FEM e CFD con ANSYS’, curso complementario en ‘Introdución á simulación FEM e CFD con ANSYS: FEM’, curso complementario en ‘Introdución á simulación FEM e CFD con ANSYS: CFD’, I curso complementario en ‘Iniciación ao xeomarketing e ás ciencias sociais con sistemas de información xeográfica’, I curso complementario en ‘Redacción de informes de avaliación de edificios existentes (IEE)’, IV curso complementario en ‘Organización de eventos deportivos: As chaves do éxito’, I curso complementario en ‘Comunicación e protocolo XVI. Xornadas internacionais de comunicación institucional e imaxe pública’, I curso complementario en ‘Simulación multifísica con Ansys’.

O presidente subliña a progresiva normalización das propostas presentadas, e a mínima presenza de incidencias ou incumprimentos dende que a sección de títulos e a de control interno achegan os seus informes sobre as memorias finais, e completan as comprobacións e verificacións que efectuaba o Consello Social. A comisión acorda aprobar as taxas dos cursos.

6. Informe sobre as Memorias finais dos seguintes cursos

a)Con aprobación previa (informes do presidente de 18.11.15, 16.12.15, 18.01.16 e 18.03.16):

III Curso Complementario en ‘Tratamento conservador da síndrome da dor miofascial, nivel básico’; XIII Curso Complementario en ‘Iniciación ao AutoCAD’; VIII Curso Complementario en ‘Catia V5: módulos CAD-DMU-CAE-CAM’; II Curso de Formación en ‘Introdución á programación en Python’; VII Curso de Formación en ‘Fundamentos de deseño técnico con Solidworks’; VIII Curso de Formación en ‘Fundamentos de deseño técnico con Solidworks’; VI Curso de Formación en ‘Deseño e cálculo de instalacións técnicas da edificación e construcións industriais (contorna CYPE)’; I Curso de Formación en ‘Análise avanzado da información (Microsoft Excel)’; II Curso Complementario en ‘Desenvolvemento de habilidades persoais para a dirección e xestión de proxectos’; I Curso Complementario en ‘Introdución á simulación FEM e CFD con Ansys’; I Curso de Especialista en ‘Dirección de loxística e produción’; I Curso de Formación en ‘Deseño, programación e administración de bases de datos’; XIV Curso Complementario en ‘Vendaxes neuromusculares (Kinesiotaping)’; II Curso Complementario en ‘Pilates para fisioterapeutas, Mat – Nivel I’; II Curso Complementario en ‘Fisioterapia en uroxinecoloxía, nivel básico’; III Curso Complementario en ‘Introdución á fisioterapia invasiva da síndrome da dor miofascial’; I Curso Complementario en ‘Realización de proxectos de infraestruturas comúns de telecomunicación (ITC)’

Á vista de que as memorias que se presentan cumpren as esixencias do Consello Social en todos os aspectos que lle son propios, polo que dispoñen da aprobación previa do presidente, a comisión acorda ratificar a aprobación.

a)Sen aprobación previa: XI Curso de Formación en ‘O IVE na fiscalidade empresarial’; XIII Curso de Formación en ‘Introdución á bolsa’; V Curso de Formación en ‘Estatística con R para investigadores’.

Explica o secretario que nas memorias recollidas neste punto se detectan faltas relacionadas coa obriga de dedicar un 5% a bolsas, se ben as casuísticas son diferentes entre si. Engade que en algún caso non son incidencias relevantes ou economicamente significativas, pero propón que se teña en conta que se está a configurar o hábito de cumprimento da norma e sería conveniente tomar algunha posición e petición de responsabilidades ante os directores dos cursos. Tras un intercambio de impresións, a comisión acorda solicitar e agardar explicacións aclaratorias a cada un dos directores, como requisito para a aprobación das taxas das seguintes edicións.

7. Aprobación, se procede, da proposta de prezos mensuais dos complexos residenciais universitarios para o curso 2016/2017 (Consello de Goberno de 14 de marzo de 2016)

Revísase a proposta e as consideracións que apunta o vicerreitor de Extensión Universitaria sobre variacións e evolución dos prezos. Así mesmo dáse conta de que a residencia As Burgas, de Ourense, permanece pechada por obras. A comisión acorda aprobar a proposta de prezos.

8. Rogos e preguntas

Non hai.

Acta da reunión ordinaria da comisión executiva do Consello Social do 01/04/2016