cabecera

Aprobadas polo Consello Social da Universidade de Vigo a reasignación definitiva das Bolsas-colaboración asignadas polo MECD para o curso 2016/2017

O xoves 13 de outubro de 2016 ás 12.10h celebrábase a reunión ordinaria da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social da Universidade de Vigo. Nesta reunión abordábase como punto central a aprobación da reasignación definitiva das bolsas-colaboración asignadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o curso 2016/2017.

A orde do día e os acordos tomados foron os seguintes:

1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (04/10/2016)

Aprobada por unanimidade.

2.  Aprobación, se procede, da reasignación definitiva das Bolsas-colaboración asignadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o curso 2016/2017

Prodúcense seis vacantes no reparto acordado polo Consello Social o 29 de xuño pasado, e hai 29 solicitantes pertencentes a quince departamentos que -cumprindo todos os requisitos- non teñen praza adxudicada.

O secretario informa do procedemento de reasignación e os criterios aplicados para as puntuacións, así como os baremos empregados e a ponderación das normas fixadas polo Consello Social, tendo en conta finalmente as notas medias dos candidatos, consonte os datos remitidos pola sección de bolsas, ademais da produción científica, os campus e os ámbitos de coñecemento, ata establecer as posicións por orde de preferencia de cada unha das solicitudes.

Proponse conceder unha bolsa aos seguintes departamentos: Bioquímia, Xenética e Inmunoloxía; Enxeñaría mecánica, máquinas e motores términos e fluídos; Bioloxía vexetal e ciencias do solo; Psicoloxía evolutiva e comunicación; Ecoloxía e bioloxía animal; Física aplicada. Lista de agarda: Análise e intervención psicosocioeducativa; Economía.

A comisión acorda aprobar a reasignación definitiva que se propón e dar conta ao Pleno.

3. Modificación, se procede, dos puntos 5 e 6 das normas que regulan as axudas do Consello Social

A Comisión apraza este punto para unha próxima reunión para estudar propostas presentadas.

4. Aprobación, se procede, da convocatoria de Prácticums para o curso 2016-2017 e da correspondente dotación, para elevación ao Pleno. Revisión das normas

Proponse abrir unha nova convocatoria para o curso 2016-2017 mantendo as bases e a asignación económica global. Para mellorar o cumprimento dos obxectivos e a eficacia das axudas, proponse  recoller nas bases que o grao de execución das axudas concedidas  influirá no baremo que regula a concesión de novas axudas.

A Comisión eleva informe favorable ao Pleno.

5. Acordo que proceda sobre a solicitude de axuda para a organización da Feira internacional do emprego universitario en Vigo e Porto

Don Ernesto Pedrosa resalta a importancia que teñen para os alumnos as iniciativas deste tipo, xa que a FINDE (Feira internacional do emprego) desenvolverase en Porto e en Vigo nos primeiros días de novembro como foro presencial de empresas no que os universitarios poderán establecer contactos directos con organizacións de todos os sectores empresariais. Dona Gloria Pena afirma que se trata dunha “aposta importante”, que na anterior edición tivo carácter virtual e que reportou un elevado volume de negocio de contratos.

Apróbase unha axuda económica.

6. Rogos e preguntas

Non hai.

Acta da reunión ordinaria da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social do 13/10/2016