cabecera

Ernesto Pedrosa Silva: “A universidade é unha fábrica de solucións para o futuro”

XORNADAS “SPECIAL TAX ZONE”

D. Ernesto Pedrosa

Bos días

Compráceme ter a oportunidade de saudalos e tamén darlles a benvida a Vigo e a esta chamada dunha universidade nova e comprometida. Pero fundamentalmente quero dicirlles que lles agradecemos a súa presenza nestas xornadas, ao tempo que recoñecemos os méritos e esforzos da profesora Ana María Pita por conseguir reunilos aquí. E  explícolles por qué acudo a este acto cun declarado ánimo de gratitude.

Como presidente da Universidade de Vigo e do seu Consello Social, creo que entre os maiores valores aos que debe aspirar unha universidade están o recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén. Porque aí é onde xogan os seus resultados e os seus recursos. as universidades achegaranse aos seus obxectivos cando a sociedade as entenda, as integre, as queira e as sinta útiles.

E encontros como este abonan ese sentimento. Porque a educación convértese  nunha tarefa social, e nun principio activo para a mellora da calidade democrática. E porque revelan que un sistema educativo eficiente, necesariamente contén como esencia a obrigación de axudar a avanzar. Por tanto, a universidade fai ben cando intervén nos procesos educativos abertos fora das aulas. En actos como este nos que é posible debater, descubrir, compartir, liderar saber, abrir camiños e forxar novos modelos.

E neles, e con eles, (é dicir, con todos vostedes) a sociedade recoñecerá mellor a súa Universidade e depositará nela a confianza e o apoio que tanto precisa. Así que é  nestes escenarios nos que queremos encontrar a universidade, en camiños tan acertados como o que hoxe nos reúne aquí, para que sexa percibida como unha marca útil e xeradora de valor, capaz tamén de proporcionar calidade de vida, mellores condutas, oxíxeno moral, certezas e dinámicas positivas. Son estes actos, estes sustentados na indubidable autoridade do mundo universitario á hora de convocar e de formar, nos que se constrúe coñecemento novo, saberes que no se poden estudar nas aulas, formación que nos fará mellores a todos e novas prácticas que –se xa de por si son valiosas- nos campos nos que estudan ou traballan vostedes transformaranse en avances inestimables para a convivencia.

 

Estamos ante un novo escenario histórico, no que a universidade ten de asumir o seu papel de líder e ten de redefinir un novo modo de relacionarse co seu entorno. Nesa liña, actos como este son extraordinariamente valiosos. Nos que a investigación e a transferencia que nace na universidade converta á institución en axente de innovación, de produción sostible… pero sen esquecer nunca o labor de cohesión social que tamén corresponde á educación superior; para evitar desigualdades na vertixinosa sociedade do coñecemento; para dar resposta a problemas reais;  para crear espazos para a reflexión e a creatividade nunha sociedade xusta e de progreso;  para a mellor comprensión do complexo mundo que habitamos; e para crear escenarios novos e desterrar prácticas democraticamente inadecuadas.

E desde a sociedade queremos estar atentos e estimular estas achegas porque o sistema universitario público ten sido clave en momentos críticos e nos cambios de época, e volverá a selo. Debe volver a selo. No es só por o emprego, non é so por a economía, é tamén –e sobre todo- polo valor social do coñecemento, onde as universidades teñen agora o maior reto para influír no modelo de mundo que está por chegar, porque toda evolución e avance social débese ao coñecemento, xustamente o que as universidades forxan sen distinción como una gran factoría de esperanzas e solucións. Unha factoría aberta, innovadora e crítica.

Por todo iso confeso que me comprace e me fai sentir orgulloso estar neste acto. Primeiro, porque lle da a máxima importancia e confianza ás persoas, aos seus coñecementos e as súas bondades, e porque abre o debate e nos aproxima a zonas pouco transitadas pero moi necesarias para convivir. En segundo lugar, porque unha simple lectura do programa reflicte que doenzas das Special Tax Zone están ben identificadas, e que serán tratadas desde posicións de recoñecido prestixio e con potencia investigadora. E finalmente, faime sentir orgulloso tamén porque afronta con determinación a procura de alternativas responsables en campos necesitados que a universidade non descoida.

Así es que aquí se vai fraguar unha contribución xenerosa e de extraordinario valor, que coloca á Universidade –a excepción feita das súas obrigacións- na máis alta das súas responsabilidades e prestacións: a procura constante de formación plena; na xeración de ideas, solucións e valores novos, responsabilidade social, capacidade crítica, potencia de pensamento e profesionais competentes e resolutivos.

Abordan vostedes unha temática de alta complexidade e exixente especialización. E iso pon maiores esperanzas en Xornadas como esta, porque as coordenadas que se achegan e o maxisterio e prestixio que se concentra aquí, sitúannos ante un reto académico que será beneficioso para vostedes, pero moito máis para os que estamos fora porque o coñecemento e a aprendizaxe sempre son frutíferos e contaxiosos se se comparten, e porque -ao igual que os valores- unha vez compartidos proxéctanse e esténdense a sociedade no seu conxunto.

Son, pois, moitos os beneficios que vostedes nos proporcionan con este proxecto que, ademais, pon en xogo nunha parte dos máis brillantes investigadores da UVigo.

Son dos que confían na universidade como fábrica de solucións. Proveño desa parte da sociedade que outorga singular importancia ás universidades no noso destino, e aos foros que estimulen e faciliten o debate, a reflexión, a análise e a aprendizaxe para saber vivir xuntos. Por iso apoiarei sempre a creación de espazos de encontro, como o que nos reúne hoxe aquí.

E remato. Saiban vostedes que moito más lonxe do recoñecemento que lle debemos, vai aínda a nosa esperanza nas súas razóns e saberes. O agradecemento que lles debemos soamente podo compensalo co desexo de que o pasen ben durante a súa estancia. Moitas grazas.