cabecera

Intervención de Ernesto Pedrosa na presentación do Campus Crea S2i

04 12 2015. Categorías: Discursos, Discursos 2015

Presentación Campus CREA S2i
Intervención Ernesto Pedrosa.
Magnífico video. Así somos ……
Reitor, conselleiro, autoridades, a todos vostedes…….Boas tardes….
Os pobos e as persoas saen adiante cando quen lideran elixiron un modo de facer as cousas e teñen confianza e determinación en aplicalo. Cando os retos están definidos e as decisións teñeen un compoñente plástico que se acomoda ás necesidades dunha sociedade que evoluciona. Eses procesos de futuro comenzan un bon día, cando alguén decide que é o momento, arrisca e convoca para anunciar que empezou o camiño.
Hoxe pode ser ese día. Hoxe é ese día.
Pontevedra inicia hoxe ese camiño da man da Universidade, que decidiu implicarse, conectarse e trabar alianzas. E convócanos aquí porque a súa principal aliada ten de ser a sociedade, todos os que estamos aquí representados. Unha universidade illada non serve a ninguén nin para nada. Unha universidade en marcha é un alento insustituible nun territorio. Debe ser unha potencia ética da vida, como dixo Giner de los Ríos. Unha sociedade democrática e de benestar sería difícil sen a sociedade do coñecemiento, sen un sistema universitario de calidade, que só se poderá conseguir se as empresas, as institucións e os colectivos organizados facémonos corresponsables. E con els, todos e cada un.
A universidade forma en horizontes. Os estudantes e os profesores universitarios son en si mesmos axentes de cambio social. Porque a ciencia, o coñecemiento e o estudo teñen maior sentido cando se conectan de xeito estreito coa sociedade.
Creo que de nada serve crear un espazo uniforme para as universidades europeas, nen arbitrar os mellores plans de estudo, nen unificar facultades, nen dar pasos decisivos para a homologación ou racionalización de títulos, se ao final non conseguimos unha universidade enriquecida e conectada co sistema productivo, coa vida empresarial, co mercado de traballo… pero sobre todo co pulso da sociedade.
O achegamento que hoxe facemos á educación superior para aproveitar o seu saber, ensancha a súa lexitimidade social e a súa base cívica; e determina en boa medida a súa rentabilidade pública. A través de vostedes, nesta época de planicies vitais, a universidade convértese nun sentimento vertical dentro da sociedade e nunha forxa de valores especialmente saludables para a convivencia e a calidade de vida de todos nós, ademais de crear espazos para a reflexión e a creatividade nunha sociedade xusta e de progreso, e para a mellor comprensión do complexo mundo que habitamos.
Cara ese novo escenario transita esta universidade, por camiños tan acertados como o que hoxe nos reúne aquí, para que non só abra posibilidades de emprego e riqueza, senón que faculte e ensine, que tamén forme e poida ser percibida pola cidade como unha marca útil e xeradora de valor, capaz tamén de proporcionar horizontes novos, mellores conductas, oxígeno moral, principios e unha base hermenéutica mínima para observar o mundo.
Hoxe en Pontevedra, os menores de 15 anos son casi unha terceira parte dos que había hai cinco décadas; e os maiores de 65 representan máis do dobre de entón. Mais os pontevedreses con estudos superiores multiplicáronse por doce neste tempo. Cambiamos moito. A universidade cambiounos moito. Dos 21 mil alumnos que ten a UVigo, e dos máis de catro mil matriculados no Campus de Pontevedra, case 1.400 naceron nesta cidade. Ningunha titulación, ningún Campus e ningunha área de coñecemento nos é allea. Mais o Campus CREA –que hoxe nos reúne aquí- lévanos máis lonxe. Porque é un proxecto social e sostible, mais sobre todo porque se apoia na innovación. Reitero a importancia da innovación. Porque non nos falta coñecemento, mais podemos mellorar a capacidade de transferilo. E porque somos creativos, pero non o bastante competitivos, precisamente polos moi mellorables niveis de innovación que temos.
Se a investigación é a orixe da cadea do coñecemento e o mapa imprescindible que necesita a sociedade para crecer en desenvolvemento, a innovación é o camiño.….Como ben dixo un experto universitario europeo: a investigación é como unha caixa negra na que se introduce diñeiro e cerebros para obter novo coñecemento; mentres a innovación é unha caixa negra na que se introduce coñecemento e cerebros, e se obten beneficios. Aquí é onde estamos.
Como presidente do Consello Social da UVigo teño a certeza de que hoxe é un día clave. Somos testigos de que Pontevedra encontrou un novo modo de facer as cousas: o Campus CREA. Por iniciativa dunha universidade que –ademais de formar profesionais e investigadores- sabe estar á altura dos tiempos, como tanto lle pedía unha e outra vez Ortega e Gasset. E esa universidade terá o noso apoio, porque na sorte este proxecto está boa parte do noso destino.
Este proxecto terá que depararnos moitas cousas novas; tantas e tan novas que nos falta dicionario para anticipalas. Pero si nos deixa certezas.
Polo de agora abre unha ancha porta ao futuro para Pontevedra, e debemos cruzala, xuntos, para entrar nese futuro ou, cando menos, para non tner que arrepentirnos nunca por non intentalo, nin ter que vivir coa dúbida infinita de que sucedería.
As universidades son institucións moi antigas e de material altamente resistente, acostumadas por igual aos golpes e aos éxitos, ao eloxio e á reprobación. Pero non sempre, nin todas, compartírono co seu entorno, lideraron territorio ou impulsaron ilusións colectivas. A nosa si. Esta universidade, con este proxecto, situouse no lugar dos bos propósitos, pero tamén –recoñezámolo- en porto sen abeiro, onde os desexos ou se alcanzan, co conseguinte recoñecemento, ou se esfuman, tras detonar unha onda expansiva de frustración colectiva. Non acostuma haber término medio. Esa é a grandeza e o risco que só poseen as iniciativas que definen ciclos históricos e poden cambiar a vida das persoas.
Tamén a Universidade de Vigo, con esta aposta, entréganos hoxe unha poderosa razón para non caír no desánimo. Únenos nun reto colectivo e sinálanos obxetivos a todos, á sociedade enteira, a esta sociedade na que vivimos, a miúdo tan previda e desconfiada pola reiterada volatilidade de moitas boas intencións, pero que hoxe debera abrir profundas zanxas mentais para cimentar con solidez este proxecto.
Debémonolo.
Moitas grazas.
Decembro 2015