cabecera

Ernesto Pedrosa Silva: “aquí estase a certificar a formación de cidadáns razoables, críticos e preparados que han de constituír un soporte fundamental no desenvolvemento, na mellora e na calidade do futuro”

05 06 2015. Categorías: Discursos, Discursos 2015

Discurso do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, no acto de graduación de 223 estudantes de grao e 83 de mestrado da Escola de Enxeñería Industrial que tivo lugar onte, xoves 4 de xuño, no Auditorio Pazo de Congresos Mar. A esta cerimonia, presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acudiu Ernesto Pedrosa Silvaen representación do reitor, Salustiano Mato.

Acto de graduación da Escola de Enxeñería Industrial 

Intervención de Ernesto Pedrosa Silva

Boas tardes,

Miro este auditorio e vexo talento. Vexo esperanza. E vexo certezas. Os que vos graduades hoxe sodes o material de máis alta resistencia do que dispoñemos para combater o desánimo social para o que tanto vos custa atopar respostas.

Por iso é unha gran honra estar hoxe neste acto, comprobar a vitalidade e a excelencia desta Escola, e compartir estes momentos con quen entrega xenerosamente o seu saber, o profesorado; con quen confía nesta Universidade e aproveita as súas capacidades, o alumnado; e con quen agarda resultados, a sociedade, e dun xeito especial as familias. Vostedes son moitos nunha mesma causa, e iso, confésolles que me produce, como presidente do Consello Social, unha satisfacción e un orgullo especiais. Porque vexo representada unha imaxe fiel da universidade, das súas esencias, das súas posibilidade se das esperanzas colectivas que nos xera. E vexo representada, tamén, unha sociedade viva, con inquedanzas e expectante ante as oportunidades.

Os graos e os mestrados (300 mozos formados e educados) que hoxe recibe a sociedade neste acto pasades a ser a nosa forza máis valiosa. Leredes e oiredes a miúdo que son malos tempos, que hai horizontes escuros e que os días, todos os días, nacen esgotados polo pesimismo. Non é así. Sinxelamente os tempos son distintos; por iso cada xeración ha de ter a súa propia épica e as súas propias ansias para cambiar o mundo. Antes tocounos a outros; agora tócavos a vós.

Tedes ao voso favor que puidestes seguir a vosa vocación entre as 120 carreiras que se poden estudar en Galicia. Formástesvos nunha Escola modélica en España, avanzada e recoñecida internacionalmente. Tedes un título e seguro que tamén un bo expediente académico. Agora debedes enfrontarvos á vida real, perder o medo ao cambio, combater o desánimo e acender todas as luces que a universidade vos amosou para alumar o camiño. Para moitos de vós, ese camiño será a incorporación ao mundo laboral co grao e, é posible, que a volta ás aulas pasados uns anos, xa con experiencia profesional, para completar a aprendizaxe na área na que teñades decidido especializarvos. Tamén será probable que mudedes de sector varias veces durante a vosa carreira profesional, cunha formación extra dun ano que vos permita especializarvos rapidamente. Ou quen sabe.

Non é posible predicir o escenario. Pero haino. Sabede que o hai. Mentres, tede confianza. Facede méritos, non paredes nunca, porque o mérito, antes ou despois, sempre se recoñece. Non será sinxelo, pero actuade convencidos de que non será imposible.

Asaltaranvos insistentemente palabras como emprender, innovar, liderar, internacionalizar, especializar, entrevistas de traballo, coworking, mentores profesionais, currículo… Pero quizais o voso pensamento inmediato céntrase no emprego. Neste punto quero darvos unha referencia, baseada nos datos dun estudo que elaborou a Conferencia de Consellos Sociais de España, que se identifica como o primeiro mapa de empregabilidade das universidades: a porcentaxe de afiliación dos esgresados das enxeñerías da UVigo en 2010 era dun 47% un ano despois de rematar os estudos; e pasados catro anos, é dicir, en 2014, a taxa de afiliación, ou sexa, as altas na Seguridade Social, elevábase ata o 73%, con mulleres e homes a un nivel moi semellante (porque en 2011, do 47% que mencionei, un 73% dos afiliados eran homes e soamente un 27% mulleres). E insisto, porque é importante, que falo de afiliación. Pero douvos un dato máis, analizados os datos da base de cotización media por eido de coñecemento, as enxeñerías rexistraban unha das cifras medias de retribución máis altas da UVigo, repartida de forma moi parecida entre homes e mulleres, con apenas 300 euros de diferenza.  

Así que cando vos fagades as lóxicas preguntas como que farei o ano que vén?, En qué eido debo especializarme?, debería facer un mestrado, outro, ou mellor comezar a traballar?, e marchar ao estranxeiro?, sabede que nós tamén o fixemos. Sabede que este mundo ao que chegades pode semellar duro, e ata inxusto; pero á fin recoñece o esforzo, o traballo, o sacrificio, a formación, o saber e o saber facer. Non só tedes que transitar o camiño, ás veces, tedes que abrilo vós mesmos. Sempre foi así. E se vos din que é difícil, tede presente que sempre o foi para todos os que vos precedemos; pero non era menos difícil ter chegado ata aquí. E chegastes.

Saben ben nesta Escola que hoxe a educación ten que aspirar a realizar a conexión entre o que se sabe, ou se pode chegar a saber, co que se fai ou se poderá facer. Iso é o que nos fai competentes nun certo coñecemento e polo tanto ser quen de transformarnos a través da aprendizaxe para ter máis poder de resolución ante o que se nos presenta. Porque unha cousa é saber algo e outra distinta prepararse para facelo. Nesta capacidade de aprender (o que se chama o saber) é tamén a competencia que máis valoran as empresas. Tanto é así que máis que da sociedade da información ou do coñecemento, fálase da sociedade da aprendizaxe: a habilidade máis competitiva do futuro.

En todo caso, quero dicirvos que vos agardabamos. Porque convosco tamén aprendemos nós a coñecer, a facer, a vivir, a ser. Esta Escola entrega hoxe á sociedade mozos creativos, formados en campos multidisciplinares con alta calidade e rigor; educados como individuos innovadores que teñen á súa disposición as ferramentas e as perspectivas útiles para o avance das organizacións ás que se incorporen. Sen esquecer a formación humanística e o labor de cohesión social que tamén corresponde á educación superior, para evitar desigualdades na vertixinosa sociedade do coñecemento, para dar resposta a problemas reais, para crear espazos para a reflexión e a creatividade nunha sociedade xusta e de progreso, e para a mellor comprensión do complexo mundo que habitamos.

Así que para a sociedade na que vivimos, para a contorna na que desenvolvemos a nosa actividade, actos como este deberían ser celebrados, aplaudidos e estimulados; porque fan posible que desaparezan os discursos de sospeita e desconfianza entre a sociedade e a universidade;  porque aquí estase a certificar a formación de cidadáns razoables, críticos e preparados que han de constituír un soporte fundamental no desenvolvemento, na mellora e na calidade do futuro que nos agarda a todos. E porque unha sociedade vale o que vale o talento colectivo dos seus cidadáns.

E remato. Apelo para facelo á grandeza que outorgo a este acto, á transcendente razón que nos reúne e ao elevado recoñecemento que debemos aos esgresados. E, como fai o reitor da moi reputada Universidade de Harvard nas solemnes cerimonias de graduación, co maior respecto e admiración póñome en pe para dicirvos “douvos a benvida ao grupo de homes e mulleres educados”.

Moita sorte, moito éxito e moita confianza.