cabecera

Ernesto Pedrosa Silva: “O futuro basease nunha boa formación, que debe ser inculcada mediante o coñecemento, pero tamén a través dos valores e das fortalezas”

29 05 2015. Categorías: Discursos, Discursos 2015

Discurso pronunciado polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa Silva, na clausura do acto de presentación do proxecto Ágora que tivo lugar o pasado 27 de maio. Esta iniciativa, que impulsa o Programa de Maiores da Universidade de Vigo e na que participan os sete campus galegos, ten como finalidade innovar no que aos medios de acceso que teñen os estudantes sénior para ampliar os seus coñecementos se refire.

 

Acto de presentación do proxecto Ágora

Intervención final de Ernesto Pedrosa Silva

Grazas, vicerreitor, grazas e parabéns a todos os membros da mesa porque en cada un hai un exemplo e un estímulo para a Universidade.

Unhas reflexións breves para rematar…

Como presidente do Consello Social defendo que o alumnado – en todos os niveis e en todas as aprendizaxes- é o compoñente máis sensible e dinámico de calquera universidade. Eles, os alumnos e alumnas, son os mellores transmisores dos beneficios que a institución universitaria debe reportar á súa contorna, á sociedade e serán o reflexo máis fiable do éxito ou fracaso do modelo universitario. Se isto serve para os estudantes novos, con máis razón ten que aplicarse aos adultos que se desenvolven en eidos con retornos máis sólidos e de máis longo alcance.

E vostedes mesmos son o máis valioso argumento e a mellor garantía de que a universidade vai polo camiño correcto. A aproximación que vostedes fan á educación superior transforma mesmo a existencia das universidades, amplía a súa lexitimidade social e determina en boa medida a súa rendibilidade pública. A través de vostedes, nesta época de planicies vitais, a universidade convértese nun sentimento vertical dentro da sociedade e nunha forxa de valores especialmente saudables para a convivencia e a calidade de vida de todos nós. Porque propician unha universidade enriquecida que conecta co sistema produtivo, coa vida empresarial, co mercado laboral… pero sobre todo co pulso da sociedade.

Polo tanto, debemos asumir que o futuro basease nunha boa formación, que debe ser inculcada mediante o coñecemento, pero tamén a través dos valores e das fortalezas. Así que aquí estamos, para innovar os modelos educativos, para ampliar as posibilidades, para fraguar profesionais competentes… e unha cidadanía responsable, instruídos, capaces, solidarios, libres e comprometidos. Neles, e con eles (ou sexa, con vostedes) a sociedade recoñecerá mellor na súa Universidade unha marca útil e xeradora de valor, capaz tamén de proporcionar calidade de vida, mellores condutas, osíxeno moral, principios e unha base hermenéutica mínima para observar o mundo.

Con vostedes, a sociedade irrompe con forza na procura do coñecemento. E as universidades –como fai a de Vigo desde 2002- comezan a ofrecer respostas para o alumnado sénior, e mesmo a integralos cos júnior cando entran nas titulacións oficiais. Os programas comezan a adaptarse ás necesidades dun maior número de persoas, e en particular ás demandas da poboación adulta que solicita formación tanto na etapa intermedia da súa vida laboral, como por necesidade profesional ou polo sinxelo e puro pracer de ter acceso ao coñecemento socrático, de aprender pola simple satisfacción de aprender a saber máis.

A Universidade está, verdadeiramente, ante un gran cambio e, con ela, a sociedade. Nese escenario, vostedes son os grandes actores deste tempo.

Actos e iniciativas como a que presentou hoxe a Federación galega de asociacións universitarias sénior son un valioso horizonte, e lévannos ao optimismo porque axudarán a un cambio que ás universidades cústalles, porque farán posible que desaparezan os discursos de sospeita e desconfianza entra a Sociedade e a Universidad, porque é preciso que a mellora das prestacións universitarias e as esperanzas da cidadanía camiñen da man, e que a calidade e a rendibilidade dos recursos empregados no ensino superior acaden niveis óptimos. Coa súa chegada, vostedes axudarán á universidade a adquirir e cultivar unha reputación absolutamente necesaria para a súa supervivencia. Vostedes axudarannos a comprender que a docencia de modelo único xa non é válida para este mundo dixital e que a transformación dixital non é soamente unha cuestión de tecnoloxía, senón de cultura e de procedementos, ademais da única opción para atender a crecente demanda de educación superior. Pero vostedes, alumnos, sobre todo, son en si mesmos un centro de coñecemento e de experiencia de extraordinario valor, son unha forza docente ilustrada en moitos casos por frutíferas traxectorias profesionais. De vostedes, que veñen á universidade a aprender, teremos que aproveitar que tamén veñan para ensinar.

Felicítoos pola súa vida universitaria activa e por perseverar, aínda que solo sexa por cultivar a memoria, que o esquecemento crece só.

Grazas Alejandro, Marina, por contar co Consello Social e converternos en aliados para este novo escenario.

Moitas grazas a todos e damos por rematado o acto.