cabecera

Ernesto Pedrosa Silva, sobre Xesús Alonso Montero: “Teño claro que con este incansable combatente, intelectual e polemista lúcido, aprendemos”.

29 05 2015. Categorías: Discursos, Discursos 2015

Discurso co que o pasado 27 de maio Ernesto Pedrosa Silva presentou a Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, no acto de presentación do proxecto Ágora, unha iniciativa impulsada polo Programa de Maiores da Universidade de Vigo que ten como obxectivo democratizar o acceso dos estudantes sénior ao coñecemento.

 

Acto de presentación do proxecto Ágora

Presentación de Xesús Alonso Montero, por Ernestro Pedrosa Silva

Se algunha vez vostedes teñen que preparar unha presentación de Xesús Alonso Montero –cousa que por ser quen é non teño claro que sexa necesario facer- pode ser que empecen tendo sensacións encontradas, moitas dúbidas de por onde comezar e unha estraña evolución na que se decaten de que os anacos que un vai capturando arriscadamente da súa inmensa biografía vital lle van producindo–no intento de resumila- – un formigo mental que o paraliza na contemplación e  lle  impide levar os datos ao papel.

Como é posible tal cousa? Podería semellar inexplicable, pero non é máis que unha consecuencia lóxica cando un se mete a destilar a súa  folla de servizos a este país, e ás arelas por este país durante as últimas décadas. Simple cuestión de admiración, nin máis nin menos.

Dito isto, non serei eu quen de acender  luces onde hai tanta claridade, nin de facer escollas onde agroman as gabanzas. Non obstante, si podo afirmar que non sería fácil atopar un personaxe máis acaído para este acto ca Xesus Alonso Montero. Nado en Vigo, rapaz en Ventosela (onde chegou falando castelán e aprendeu galego a cantazos dos rapaces, naqueles tempos nos que no veciño Castrelo tiña sona Manuel Rodríguez Trabazos, “Castrelito”, o único toureiro ourensán que recoñece o Cossío, que nunca do Ribeiro tal cousa se agardara).

Por razón obvias de tempo e dispoñibilidade nas redes sociais, non traio aquí a chea de premios, libros, edicións, antoloxías, traballos, traducións, artigos, ensaios, conferencias por medio mundo, prólogos, responsabilidades… Non traio tampouco os trazos firmes dun compromiso político de quen non puido ser catedrático ata despois dos sesenta porque ningún marxista foi catedrático no franquismo; nin o home bo con incansable afán pola lingua; nin sequera o intelectual de torgueira recia que mellor cumpre a súa obriga de non calar en ningunha situación.  Tan inabarcable e inesgotable é a súa traxectoria, que ata podería traer tamén ao moi bo futbolista universitario e fino interior que foi Xesús Alonso Montero. Pero non.

Quero traer soamente ao mestre, que é o que foi toda a súa vida –e o será sempre – Xesús Alonso Montero, porque os mestres é o que teñen:  non se xubilan nunca. O home que deixou dito “xubiláronme aos setenta, cando comezaba a saber algo”, porque sostén que “en pedagoxía o importante non é a experiencia senón o saber”.

Non sei se segue collendo o tren das 8.50 en Vigo para chegar  ao despacho de presidente da Real Academia Galega na Coruña. Tamén descoñezo se segue pensando en escribir un libro sobre Belén Esteban, se aínda garda aquel pasaporte que fixo en Francia a nome de Alonso Quijano para chegar á URSS hai máis de corenta anos, ou se os textos de Cernuda e de Curros Enríquez seguen a ser os que ten  elixidos para as súas honras fúnebres.

Pero si teño claro que con este incansable combatente, intelectual e polemista lúcido, aprendemos. Porque os grandes mestres non ensinan, nunca tal cousa se dicía cando eramos nenos, pero si se dicía o mestre aprendeunos moito. Esas son as grandes ensinanzas, as que permanecen, as que moven a imaxinación e as que nos levan máis preto dos soños. E Xesús Alonso Montero é desa estirpe, da liñaxe dos bos, dos que garanten Galicia.

Ninguén máis acaído para falar das persoas maiores e a formación ó longo da vida, ninguén mellor modelo; e ninguén mellor ca vostedes para aproveitalo.

Admirado Xesús: ten vostede a palabra