cabecera

Pleno do Consello Social con destacados asuntos económicos

02 07 2014. Categorías: Prensa, Prensa 2014

Pleno do Consello Social do día 27 de xuño de 2014

Inicio cun sentido recordo a Emilio Atrio, recentemente falecido, que foi presidente do Conselo Social entre 2003 e 2011. Palabras do presidente, Ernesto Pedrosa, e minuto de silencio do Pleno.

O presidente interesouse na súa intervención, entre outros asuntos, pola situación e o calendario previsto para a proposta de implantación de Enxeñaría Física no Campus de Ourense, e pola evolución da demanda das axudas especiais creadas pola UVigo por parte de alumnos con dificultades económicas sobrevidas para proseguir os seus estudos.

Xa na Orde do día, dentro do ámbito económico, ademais de revisar os máis de 240 convenios asinados pola UVigo durante os meses de abril e maio, tomaron, entre outros, os acordos seguintes:

  • Aprobar as contas de 2013 da Universidade e das sociedades participadas (Citexvi, Fundación Universidade de Vigo e Cidade Universitaria), destacando a eficaz estratexia económico-financeira aplicada e o alto nivel de transparencia que ofrecen. O Consello Social eloxia os resultados que se presentan e felicita o equipo económico do goberno universitario. Foron presentadas en detalle polo xerente, Manuel F. Jáuregui, e polo vicereitor de Economía,José Manuel García. Previamente foran informadas favorablemente pola Comisión Económica que preside Daniel Barata.
  • O Pleno analizou tamén os informes de auditoría da UVigo (encargado polo Conselo Social) e das súas sociedades, que se presentan limpos e nos que destacan a ausencia de salvidades e limitacións de alcance, que reflicten unha situación correcta. Para unha próxima sesión queda pendente a análise dun Informe operativo e de xestión financeira, encargada polo Conselo Social, sobre a Área de investigación da UVigo.
  • Referendar a fracción do pagamento de matrículas en seis prazos, por entender que se trata dunha medida social necesaria á que se acollen a inmensa maioría de alumnos, e unha taxa para tramitar pagamentos fóra de prazo por gastos de xestión e administrativos, que presentan unha baixa incidencia, e na que non se observa afán recadatorio.
  • Informar favorablemente o Decreto que establece os prezos dos estudos oficiais para o próximo curso nas universidades galegas, que se manteñen nas cifras do curso anterior.
  • Aprobar a nova normativa e recomendacións do Consello Social en exercicio das súas competencias sobre os prezos e taxas das ensinanzas propias de Posgrao e outros cursos que se imparten dentro da UVigo.
  • Referendar o Regulamento aprobado polo Consello de Goberno que recoñece créditos a alumnos por actividades varias complementarias aos estudos regulados, tras comprobar que cumpre cos requisitos polos que debe velar o Consello Social.
  • Valorar o resultado das enquisas de satisfacción de profesores e alumnos cos títulos oficiais que imparte a UVigo, con especial atención aos rexistrados no Campus de Ourense, á evolución histórica e aos indicadores máis significativos da mostra.
  • Ratificar, por proposta da Comisión de Actividades e Servizos, distintas axudas económicas para a organización e execución de diferentes actividades, fundamentalmente dirixidas, aos alumnos, ben para emprendimiento, formación ou acollida aos alumnos que entran este ano na UVigo. No cómputo total son catro as accións con repercusión no Campus de Ourense, por un importe superior aos 20.000 €. Nesta mesma liña aprobouse iniciar un Ciclo de charlas en distintos niveis da Educación Secundaria para que os alumnos teñan máis e mellor información orientativa sobre posibles carreiras a elixir ou saídas profesionais.

_________________________________________________

Selección de novas publicadas en prensa sobre o Pleno do Consello Social do día 27 de xuño: 

Ver nova de Faro de Vigo.

Ver nova de La Voz de Galicia (Edición Ourense).

Ver nova de La Región.

Ver nova de Europapress.

Ver nova de DUVI (Diario da Universidade de Vigo).