cabecera

O Consello Social patrocina o Congreso Internacional Teatro Século XXI

27 11 2013. Categorías: Patrocinios, Patrocinios 2013

Durante tres días Vigo será teatro. O Congreso Internacional Teatro Século XXI congrega na cidade dende este mércores e ata o venres a medio cento de expertos, investigadores e estudantes nun foro de debate e reflexión sobre os retos da dramaturxia actual. As novas formas de teatro, as performance, as novas estéticas, o papel da palabra, a violencia ou os feminismos no teatro son algúns dos temas sobre nos que se afondará nestas xornadas que, despois da sesión inaugural desta mañá na Fundación Carlos Casares, se trasladan á Facultade de Filoloxía e Tradución. Precisamente, o congreso está coordinado polo profesor Manuel Ángel Candelas, director do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, xunto con Cristina Ferradás e Mónica Molanes. Con esta iniciativa, como explicou no acto de apertura o propio Candelas, trátase de completar o Máster en Artes Escénicas que vai xa pola sexta edición. “Consideramos que este mestrado precisaba dunha especie de conclusións provisionais ou unha reunión científica, de aí xorde a idea deste congreso”, explicaba ao tempo que se amosaba agradecido polo “enorme interese recibido tanto dende España coma dende outros países, que mesmo nos desbordou un pouco”. Participan nesta simposio profesores de Francia, Suiza, Italia, Portugal, Bélxica, Brasil, Inglaterra, Estados Unidos, Polonia ou Hungría.

E é que a pesar de que congreso está aberto sobre todo a temas relativos á produción dramática en distintas literaturas desde el año 2000, con particular atención a las literaturas peninsulares, escritores españois como por exemplo Juan Mayorga espertan especial interese en universidades de toda Europa.

No acto de apertura participou tamén o director xerente da Fundación Carlos Casares, entidade colaboradora xunto con Consello Social da Universidade neste congreso. Gustavo Adolfo Garrido lembrou a relación que une a Vigo coa literatura e co teatro e laiouse dos escasos locais que quedan destinados a este fin. Aproveitou a ocasión para animar aos asistentes a participar nun roteiro literario, que da man da fundación que dirixe, percorrerá o venres pola noite escenarios relacionados co paso pola cidade olívica de ilustres escritores como Celso Emilio Ferreiro, Camilo José Cela, Ernest Hemingway, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro ou Julio Verne.

Destacados coñentes e moitas preguntas pendentes

Neste tres días daranse cita en Vigo creadoras como Paloma Pedrero ou Vanesa Sotelo, especialistas no eido dramático como Eduardo Pérez Rasilla, José Romera Castillo ou o crítico de teatro do diario El País, Marcos Ordóñez. Precisamente, Eduardo Pérez Rasilla foi o encargado de abrir o congreso cunha reflexión sobre o papel da palabra “no teatro actual, no destes días”. Poñente habitual no Máster en Artes Escénicas e na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, Pérez Rasilla citou unha obra de Álvaro Pombo para afondar en como a característica de ‘teatral’ se asocia na actualidade a algo anticuado e artificial. “Ese é o reto do teatro, buscar o seu lugar, o lugar da palabra na actualidade”, explicou. Segundo apuntou as artes escénicas son conscientes desta distorsión e xa dende o século XX se ten traballado neste eido para paliar a concepción de que a palabra no teatro actual “é inefectiva, falta de utilidade, formas de antes”. Pero este é un problema, segundo Pérez Rasilla, que non responde tanto a unha cuestión de adecuación temporal ou de adecuación ao público que está ao outro lado, senón de “veracidade” e é polo tanto unha cuestión “ética, política e estética”. Fronte a isto estase recuperando en algunhas formas teatrais actuais a confianza na palabra, “xa que a alternativa á palabra sería o silencio”, puntualizou.

Xa pola tarde o debate centrouse entre outros temas na posmodernidade, a violencia ou as performances no teatro de Juan Mayorga; así como no teatro social para o século XXI, o proxecto InterTeatro ou os novos formatos como unha obra de teatro por capítulos. Mañá xoves, tras a intensa xornada de debate, os congresistas poderán desprazarse a Pontevedra para asistir ao espectáculo teatral Tokio3, da compañía Voadora, gañadora de varios premios María Casares e finalista dos Premios Max de 2013.