cabecera

Pedrosa participa no último Martes ConVida do cuadrimestre

03 12 2013. Categorías: Actos, Actos 2013

Ao longo dos meses de outubro e novembro os postos de fomento da vida saudable entre a comunidade universitaria dos Martes ConVida percorreron o campus de Ourense e, como novidade na edición deste cuadrimestre, tamén os campus de Pontevedra e Vigo. Esta semana remataron o seu periplo e fixérono realizando un balance moi positivo dos seus resultados. Máis de 350 persoas se achegaron ás sete sesións celebradas para analizar o seu estado de saúde integral e para recibir información sobre como mellorala no aspecto físico, psicolóxico e social.
Concretamente, nesta ocasión os Martes ConVida estiveron no campus de Ourense nos edificios de Ferro, Politécnico e Xurídico Empresarial, na Escola Universitaria de Enfermaría e na Biblioteca. No campus de Pontevedra estiveron na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e no campus de Vigo na Área Comercial. “Estamos moi satisfeitos pola resposta dos membros da comunidade universitaria, que cada día están máis interesados en coidar a súa saúde desde un punto de vista integral, non só físico. Tamén é de destacar a excelente acollida que tivo esta iniciativa por primeira vez nos campus de Vigo e Pontevedra, especialmente neste último caso, onde foi moita a xente que se achegou ata os postos dos Martes ConVida”, destaca María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense onde naceu o proxecto no curso 2010/2011.

Como entidade patrocinadora da iniciativa, o Consello Social da Universidade de Vigo comparte esta satisfacción polos resultados do proxecto. “Sempre insistimos en que o alumnado é a parte máis sensible e dinámica dunha Universidade e o reflexo do seu éxito ou fracaso. Os Martes ConVida diríxense principalmente a eles, aínda que abranguen a todos os membros da comunidade universitaria, polo que para o Consello Social é unha satisfacción ver como esta iniciativa se consolida cada día máis e amplía o seu campo de acción”, salienta Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que visitou este martes xunto a María Lameiras o último dos Martes ConVida celebrado este cuadrimestre, que tivo lugar no Edificio de Ferro ourensán.

Autopercepción da imaxe

Como en anteriores ocasións, nos postos habilitados os membros da comunidade universitaria puideron recibir información sobre drogas e as súas consecuencias e sobre sexualidade, coñecendo os diferentes métodos anticonceptivos existentes e afondando en cuestións de identidade sexual. Tamén puideron ver a oferta deportiva que teñen á súa disposición na Universidade de Vigo, especialmente a través do programa Ponte en Forma e das Escolas Deportivas, e chequear o seu estado xeral de saúde, con análises de peso, altura, tensión, pulso e sangue, entre outros. Nesta ocasión e como novidade, os participantes puideron comprobar se a súa autopercepción da imaxe corporal se correspondía coa realidade e analizar a súa composición corporal, unha actividade especialmente demandada polas persoas que se achegaron nesta ocasión ata os postos dos Martes ConVida.

 

Nesta edición dos Martes ConVida, a iniciativa estendeuse tamén aos campus de Vigo e Pontevedra.

 

María Lameiras e Ernesto Pedrosa achegáronse aos postos no último día da celebración da actividade este cadrimestre.