cabecera

Intervención do presidente do Consello Social nos Premios Asociación Amigos

04 12 2013. Categorías: Discursos, Discursos 2013

Boa tarde.

Debo comezar por mostrarlles a satisfacción que me produce participar neste acto e comprobar na sala o espírito vivo que o alimenta. Agradezo á Asociación de Antigos Alumnos e Amigos que me convidasen, e quero dicirlle que son máis atinados cada ano que pasa. Fan vostedes un extraordinario traballo.

Saúdo aos que me acompañan na mesa, José María Franco,Salustiano Mato, José Luis Vázquez, ao catedrático Antonio Ariño, que fixo unha magnífica contribución ao acto e ao que lle lin unha lúcida analoxía entre a apicultura e os Erasmus, e a todos vostedes, cooperadores necesarios nesta causa. E dun modo especial aos premiados, porque algo terán feito mellor que os demais para merecer o recoñecemento que se lles tributa, e ao que me adhiro incondicionalmente.

Paréceme oportuno traer hoxe aquí, para compartir con vostedes, unhas breves reflexións sobre as universidades dende a perspectiva social, que nalgún caso serán sinopses para non exceder o tempo que se me concedeu.

Necesitan as universidades cambiar tan profundamente como se pide agora? Con certeza, si. É necesario un novo modelo educativo para un mundo en constante cambio, e é preciso adecuar a forma en que se ensina co que realmente se necesita saber na sociedade actual. Por iso creo que conviría relacionar máis a educación co proceso de aprendizaxe que coa impartición de coñecementos, dedicar maior atención ao traballo en colaboración (moi valorado polas empresas), ou poñer máis énfase na análise dos datos. Cuestión de método, pois. Aquí reside unha das esencias do cambio que debemos afrontar, porque convirán vostedes comigo que tamén é imprescindible priorizar nestes tempos nos que se formulan tantos aspectos a revisar que é difícil ver onde están as prioridades.

Por outra parte, as novas tecnoloxías alteraron profundamente a forma de transmitir os coñecementos. Sería inxusto abordar o futuro das universidades como un mero proceso de adaptación e incorporación das novas tecnoloxías ao ensino, porque as universidades levan séculos acometendo cambios, considerados na época do Padre Feijoo, por exemplo, tan transcendentais e urxentes como o son hoxe para nós. E tiveron tal capacidade de adaptación que 85 institucións de educación superior creadas no século XVI son recoñecibles a día de hoxe. Pero non se pode obviar o debate das novas tecnoloxías. Algúns profesores dan xa máis clases online que dentro dos edificios, ata o punto de que hai quen profetiza que os campus e os seus edificios serán unha reliquia en 30 anos. E consecuentemente hai outro factor a considerar e é que se as universidades actuais correrán un serio risco de ser substituídas se tivesen que enfrontarse a unha competencia que subministre o mesmo servizo a un 10% do custo actual. E o certo é que estamos a ver universidades con graves problemas de financiamento mentres ao seu arredor crecen servizos de formación a prezos moi inferiores. Cuestión de recursos, polo tanto.

Non vou estenderme moito máis sobre aspectos que -como os apuntados- me parecen clave na reformulación das universidades, e que non adquiren a importancia que ao meu xuízo teñen no debate que se está a producir, no que os problemas que se debaten son con frecuencia outros, aínda que non direi que menores.

Parece evidente que calquera análise que se emprenda sobre a Universidade ha de recoñecer tanto a súa necesaria adaptación ás cambiantes necesidades que a sociedade evidencia en materia de educación e investigación e transferencia, coma a propia natureza da institución asociada ao seu papel clave no progreso do coñecemento. Pero non quero esquecer que dende a Educación debese inculcarse tamén a aprendizaxe do respecto e a comprensión cara ao común, e fortalecer o valor do compartido. A responsabilidade social ou a igualdade canalizan tamén as nosas expectativas e son camiños que iniciamos, convencidos do potencial educador que se debe esixir á Universidade. Non deberiamos transmitir coñecementos soamente nas materias, senón tamén a través das relacións cos estudantes, para espertar neles a preocupación por un presente e un futuro máis humanos e sostibles. Compromiso, convicción e xenerosidade deben forxar a súa visión do mundo e constituír o xerme do cambio nos comportamentos. Ao saír das aulas, os alumnos deberían ser devoltos á sociedade con formación en contidos educativos, pero tamén en sensibilidades éticas firmes. Ensinados e educados.

E permítanme unha última reflexión: a Universidade debe relacionarse máis coa sociedade ou corre o risco de volverse irrelevante. Está aceptado que o coñecemento é o máis poderoso motor de produción, pero a educación superior debe conectar os estudantes coa realidade. Non abonda con facer investigación sobre as persoas e os problemas, débese investigar coas persoas e encontrar solucións aos problemas. A Universidade debe poñer a punto os coñecementos pertinentes para a comprensión dun mundo tan complexo e incerto. Queremos que a mellora das prestacións universitarias e as esperanzas dos cidadáns camiñen xuntas.

Polo dito, no Conselo Social da Universidade de Vigo incorporamos ademais a busca da utilidade nas nosas accións. Conferimos un selo especial ás iniciativas que estimulen e faciliten o debate, a reflexión, a análise e a aprendizaxe para saber vivir xuntas, e engadimos esforzos á creación de espazos de encontro que o fagan posible. E concedemos tamén unha atención prioritaria ás posibilidades do mecenado e da captación de recursos externos.

Nesta arquitectura nuclear que lles debuxei encontra abundantes espazos a misión dos Consellos Sociais, porque convén á Universidade e á Sociedade encontrarse en todos os campos posibles, e a ese obxectivo nos debemos aplicar. E afortunadamente a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos anoa como ninguén os lazos dentro da Universidade e contribúe a tecer unha rede afectiva que ao paso do tempo se vai convertendo en raíz fecunda da vitalidade que actualmente mostra a institución académica.

Esta Asociación será tamén determinante na medida que fortaleza a súa influencia e o seu peso real. Recordo que un interesante e valioso estudo do profesor Luis Espada reflectía que un 83% dosegresados da UVigo está disposto a manter algún tipo de vínculoconla UVigo. Aí hai un camiño que -cónstame- José Maria Francoempezou a percorrer xa.

Comprenderán pois que é unha honra e un orgullo participar neste recoñecemento, do que todos somos partícipes porque a causa que compartimos é colectiva.

E non podo rematar sen proclamar a miña confianza na universidade e nos seus retos; máis aínda, a miña confianza en que saberá asumir o seu compromiso e obriga de conducirnos polos camiños que levan ao desenvolvemento, aos resultados e á maior calidade de vida. Porque necesitamos o que sabemos para xestionar o presente, pero precisamos do que non sabemos para xestionar o futuro. Ese risco na decisión das instancias universitarias é o que lexitima e urxe a participación da sociedade. Xa esa chamada é á que os Consellos Sociais e as Asociacións de ex-alumnos debemos acudir sen demora.

Reitero o meu parabén aos premiados, o meu recoñecemento á Asociación e a miña gratitude a vostedes pola súa militancia nesta causa.

Vigo, decembro 2013