cabecera

Ernesto Pedrosa: “Rodríguez Ennes pon luz na escuridade e ilumina novos saberes”

03 12 2013. Categorías: Discursos, Discursos 2013

Moi bo día.

Reúnenos hoxe aquí un feito excepcional, un novo elo na perfectamente engarzada cadea evolutiva da humanidade; quizais pequeno, pero tan valioso como calquera gran descubrimento, porque do que se trata é de poñer luz na escuridade e iluminar novos saberes. E este traballo cúmpreo de sobra polos seus achados, pero tamén pola grandeza do estudado (o Padre Feijoo) e pola brillantez do estudante, o douto catedrático e valioso amigo Rodríguez Ennes.

Sempre me resultou enriquecedor asistir a encontros como este; pero agora -pola miña condición de presidente do Consello Social da Universidade- resúltame dobremente gratificante. Porque estou convencido de que hai que facilitar e estimular o achegamento dos cidadáns ao coñecemento, e porque o debate científico non concirne só aos especialistas. Debemos fraguar un compromiso social coa ciencia que nos implica a todos, e crear cultura científica educando a toda a sociedade de xeito informal, atendendo ás súas curiosidades e inquietudes e non só a unha mera formación erudita e sistemática.

Algo similar guiou a conduta do hoxe aínda pouco recoñecido e insuficientemente valorado Padre Feijoo, que dedicou boa parte dos seus afáns a combater enerxicamente as tebras nas que se movían as falsidades, as supersticións ou a ignorancia. Foi implacable co erro porque non buscaba a verdade, buscaba precisamente o erro en todos os ámbitos para que resplandecese a ciencia e o coñecemento, o que complementou co empeño por divulgar todo tipo de novidades científicas nacidas en Europa.

Tamén el cría na capacidade transformadora da educación. Foi un adiantado do seu tempo que proxectou as ideas para construír unha nova Universidade baixo o reinado de Carlos III. Estamos alá polo ano 1750, pero algunhas desas ideas aínda viven, por exemplo cando propoñía orientar os alumnos cara á análise e a comprensión das materias, en vez da memorización imperante; ou cando formulaba e defendía incorporar novos estudos as universidades; ou mesmo cando pedía a intervención do Estado para vencer as resistencias ás propias reformas. E quero facer unha breve pero necesaria mención ao interesante debate que abriu xa entón sobre se debería pesar máis o que o científico pode facer racionalmente ou o que moralmente non debería, un conflito que o Padre Feijoo resumía en harmonizar progreso e compaixón, pero sen abandonar a súa gran dúbida respecto a se podería facerse unha ciencia sen compaixón.

Ben, en encontros como este que nos convoca hoxe recoñécense os esforzos divulgativos da Universidade para que o seu traballo e a súa achega ao colectivo social sexan recoñecidos, apreciados e -sobre todo- valorados. Son actos sustentados na indubidable autoridade do mundo universitario á hora de informar e formar, nos que se constrúe coñecemento novo e experiencias que non se poden estudar nas aulas. Actos nos que todos somos alumnos. Os Consellos Sociais avogamos por aproximar a oferta de formación e divulgación ao ámbito social, profesional e cultural do territorio no que se desenvolve cada universidade. Nesta convicción promovemos accións para incorporar a aprendizaxe continuada e permanente, e apoiamos a difusión do coñecemento mediante boas prácticas como a que hoxe nos reúne aquí.

Di a lei que o Consello Social deberá facer o posible para que os membros da comunidade universitaria cumpran coas súas responsabilidades, co fin de satisfacer as necesidades educativas, científicas e profesionais da sociedade. Tamén lle indica ao Consello Social que procure que a universidade satisfaga as necesidades do seu ámbito, contribuíndo ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia. De igual modo encoméndalle que promova o coñecemento mutuo entre universidade e sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan o labor da institución académica.

Ademais lle pide que estimule as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias. E encárgalle favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade.

Pois aquí concéntranse e executan todos eses encargos. Ese é o gran valor e a xenerosa e brillante contribución do profesorRodríguez Ennes ao acervo cultural común. Non alcanza este libro a tirada dos 420 mil volumes imprimidos que se lle atribúen á obra do Padre Feijoo, pero tampouco se lle coñece ao Padre Feijoo nos seus traballos unha bibliografía tan extensa como a que manexou o profesor Ennes neste documentadísimo traballo.

Compráceme, polo tanto, participar neste acto, agradecer a súa achega ao autor do libro e felicitalo polo resultado, recoñecer o traballo do director da Colección, e declarar que recoñezo á universidade nesta dirección, porque nos fai mellores a todos. Moitas gracias.

 

Ourense, 3 decembro 2013