cabecera

O presidente do Consello Social salienta a importancia do deporte para o desenvolvemento de valores persoais na XXII Gala do Deporte Universitario

03 12 2013. Categorías: Actos, Actos 2013

Máis de 7000 persoas participan cada curso nas actividades do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Máis de 2500 fano nas ligas universitarias de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7 ou voleibol. As instalacións dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo son referentes nas súas respectivas cidades. Unha Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e un Máster en Xestión Empresarial do Deporte. Estes son só algúns dos datos que amosan como o deporte é unha peza fundamental na engrenaxe da vida académica e do camiño cara a excelencia universitaria, tal e como se puxo de manifesto na XXII Gala do Deporte Universitario celebrada este martes no campus de Ourense. Foi unha gran festa na que a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral recoñeceu, a través de diferentes premios, os logros e o esforzo dos deportistas universitarios e de persoas e entidades alleas que contribúen ao desenvolvemento desta práctica e dos seus valores.

A gala, que congregou a numerosos membros da comunidade universitaria, contou coa participación e asistencia de numerosas autoridades, como Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade; Agustín Fernández, alcalde de Ourense; Roberto Castro, subdelagado do Goberno en Ourense; Mario Guede, xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; Bernardino González, xefe de Deportes da Deputación Provincial de Ourense, e Alfonso Vilachá, concelleiro de Deportes desta cidade. “Hoxe é un día moi emocionante, no que estes premios nos permiten facer un percorrido que vai desde a enorme enerxía dos nosos mellores deportistas e dos nosos egresados ata persoas e entidades que teñen ao longo da súa vida unha relación moi especial co deporte. Isto é como se vive o deporte na nosa Universidade”, destacou Salustiano Mato durante a gala. “O deporte é un elemento inseparable da educación, é diversión pero tamén implica desenvolver valores como a forza de vontade, a perseveranza, a igualdade de oportunidades, a autonomía, a toma de decisións e o respecto aos demais”, salientou Ernesto Pedrosa sobre a importancia de fomentar esta práctica no eido universitario e na sociedade en xeral.

Galardóns e galardoados

A cerimonia, que estivo conducida polo presentador da TVG Tomás Alonso, comezou entregando os premios aos estudantes que participaron nos Campionatos de España Universitarios, que foron para os taekwondistas Laura Lorenzo, Marta Colón, Lara Ouviña, Janet Diéguez, Borja Ríos, Francisco Padín e Raúl Bouzas; para os atletas Carmen Sánchez, Jose A. Palomanes e Víctor Gallego e para os nadadores Marc Ciurana, Laura Pimentel e Xenia Vilariño. Na categoría de premios para as seccións federadas foron distinguidos na modalidade de equipos o Equipo de Carreiras Populares da Universidade de Vigo; o Campus Ourense Rugby feminino sénior e o Xadrez Universitario Campus Ourense. Na categoría individual foron galardoados Lino Hermida, do equipo Xadrez Universitario Campus Ourense; Olalla Feijoo, do equipo Universitario Campus Ourense de baloncesto feminino, e Julia Fuertes, do equipo de Orientación da Universidade.

Para recoñecer ao alumnado que é extraordinario na súa disciplina deportiva pero tamén nos seus resultados académicos, durante a gala tamén se entregaron os cuartos Premios á Excelencia Deportiva, correspondentes ao curso 2012/2013, que recaeron en Laura Lorenzo, de taekwondo; Laura Llópiz, de vela; Noelia Lalín, de loita; Francisco Padín, tamén de taekwondo; Javier Carballo, de salvamento, e Eliseo Permuy, tamén de loita. Por último, no eido universitario tamén se entregaron os premios a egresados e persoal da Universidade de Vigo que destaca pola súa relación con esta área. Nesta ocasión, o primeiro a egresados recaeu en Lorena Luaces, diplomada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Vigo, plusmarquista galega en todas as distancias e marchadora internacional. O segundo foi para Aurora Martínez, profesora titular da Universidade de Vigo que conxugou durante décadas docencia, competición, investigación, publicacións e xestión no ámbito do deporte e que quixo agradecer á súa familia a posibilidade que lle deu de desenvolver todas estas facianas.

Fóra do eido universitario entregáronse os Premios Acción Solidaria e Vida. O primeiro foi para Aixiña, unha asociación dedicada á integración da terceira idade dependente e de persoas afectadas por discapacidade física e parálise cerebral. A súa presidenta, Olga Cuña foi a encargada de recoller o galardón, precisamente no Día da Discapacidade, dedicándoo a todas as persoas que a través do deporte se intentan superar cada día. O Premio Vida foi para Antonio Cid, referente estatal no eido do atletismo adaptado para parálise cerebral, que puxo en pé ao auditorio presente na XXII Gala do Deporte Universitario polo seu exemplo de superación persoal.

Autoridades académicas da cidade ourensana, deportistas e membros da comunidade universitaria déronse cita na gala.

A gala recoñeceu os logros e o esforzo das persoas e equipos que participaron nas diferentes competicións.