cabecera

Ernesto Pedrosa asiste á presentación da obra “El Padre Feijoo y el Derecho de su tiempo: una visión premonitoria de problemas candentes en la actualidad”

03 12 2013. Categorías: Actos, Actos 2013

O Padre Feijoo, explica Luis Rodríguez Ennes, catedrático de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados da Universidade de Vigo, foi un dos principais pensadores europeos do século XVIII e o máis destacado ilustrado galego e español. Non foi xurista pero, áxil observador da sociedade do seu tempo, era moi consciente da importancia do Dereito na vida cotiá das persoas e entre os 5000 folios que compoñen a súa obra son moitas as referencias a esta disciplina que se poden atopar neles. No seu último libro, Rodríguez Ennes debulla estas achegas e amosa como moitos dos problemas da xustiza xa analizados polo pensador galego aínda seguen hoxe en día vixentes.

A obra, titulada El Padre Feijoo y el Derecho de su tiempo: una visión premonitoria de problemas candentes en la actualidad, foi presentada polo autor nun acto que contou tamén coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito. “Luis Rodríguez Ennes é un magnífico exemplo de que se pode ser un gran docente e tamén un grande investigador”, destacou María Lameiras. Unha opinión compartida por Roberto Bustillo, que fixo fincapé en como o Dereito forma parte da cultura, tal e como queda patente na obra do Padre Feijoo e no libro agora publicado. Destacando a brillantez tanto do pensador galego como de Ennes, Ernesto Pedrosa salientou ademais a importancia desta publicación “como unha contribución ao acervo cultural común” e como unha oportunidade de dar ao Padre Feijoo a notoriedade que merece.

Do século XVIII á actualidade

Na publicación presentada este martes, Ennes realiza un exame en profundidade da bibliografía do pensador ourensán para destacar a presenza de institucións historico-xurídicas nos milleiros de páxinas que escribiu. “Feijoo era un gran coñecedor da realidade do seu tempo. Tiña un saber enciclopédico froito da súa ansia de saber, de saber non para acumular coñecementos senón para poder ser crítico en base á razón”, destacou o catedrático durante o acto de presentación. No século das luces e da ilustración, o Padre Feijoo, comentou o catedrático da Universidade de Vigo, dedicou a súa vida a cultivarse a través da lectura e non foi ata xa os 50 anos de idade cando comezou a escribir unhas obras que, apuntou, fixeron “correr ríos de tinta” e lle granxearon moitos inimigos porque eran críticas con todo tipo de cuestións, desde a educación ata as leis. A pesar deste carácter crítico, as súas obras contaron co “real agrado” e calcúlase que no século XVIII vendéronse dos seus tomos arredor de 400.000 exemplares, algo inaudito na época.

Ao longo das páxinas das obras de Benito Jerónimo Feijoo Teatro crítico universal e Cartas eruditas y curiosas, Luis Rodríguez Ennes identificou unha a unha todas as referencias ás diferentes ramas do Dereito e sobre todo ás súas institucións historico-xurídicas. Deste arduo traballo, o catedrático da Universidade de Vigo salientou o feito de que moitos dos temas abordados polo pensador galego seguen aínda hoxe en día vixente e como a análise que fixo Feijoo de determinadas cuestións xurídicas foi en ocasións premonitoria do que logo acontecería na historia. Como exemplos, Ennes citou durante a presentación do libro temas como o rexeitamento que fixo Feijoo da tortura xudicial, práctica habitual no século XVIII; a súa petición de medidas de seguridade; o rexeitamento a unha minoría de idade penal ríxida; a reivindicación dos dereitos da muller e a crítica da dilación dos preitos e do valor da proba testifical, entre outros aspectos. Moitas destas cuestións, especialmente as relacionados coa inseguridade xurídica dos cidadáns debido ao mal e lento funcionamento da xustiza, son hoxe en día, comentou Ennes, materia aínda pendente do Dereito.

Preséntase un libro sobre a presenza do Dereito na obra do pensador galego Padre Feijoo.

O catedrático da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes é o autor do estudo, que foi presentado nun acto que contou coa participación de Ernesto Pedrosa, Roberto Bustillo e María Lameiras.