cabecera

Discurso do presidente do Consello Social na apertura do II Seminario de Dereito Romano

28 11 2013. Categorías: Discursos, Discursos 2013

Intervención de Ernesto Pedrosa.

Estimado profesor Alejandrino Fernández Barreiro; apreciados e relevantes membros do Comité científico e organizador deste Seminario; relatores e asistentes.

Bo día a todos.

Sempre me resultou enriquecedor asistir a encontros como este; pero agora -pola miña condición de presidente do Consello Social da Universidade- resúltame dobremente gratificante. Porque estou convencido de que hai que facilitar e estimular o achegamento dos cidadáns ao coñecemento, e porque o debate científico non concirne só aos especialistas. Debemos fraguar un compromiso social coa ciencia que nos implica a todos.

A universidade fai ben cando intervén nos procesos educativos abertos fóra das aulas e das idades estudantís. E ten unha responsabilidade especial co seu ámbito, con novas metodoloxías docentes orientadas á aprendizaxe durante toda a vida, coa actualización de coñecementos e coas competencias. En iniciativas como esta é posible debater, descubrir, compartir, aplicar, comunica, liderar saberes e forxar cultura. E, por se fose pouco, fortalecen a cohesión social, a igualdade de oportunidades e a calidade de vida.

En encontros como este recoñécense os esforzos divulgativos da Universidade para que o seu traballo e a súa achega ao colectivo social sexan recoñecidos, apreciados e -sobre todo- valorados. Son actos sustentados na indubidable autoridade do mundo universitario á hora de informar e formar, nos que se constrúe coñecemento novo e experiencias que non se poden estudar nas aulas. Actos nos que todos somos alumnos.

E reitero que resulta imprescindible facer labor de divulgación na sociedade. Os Consellos Sociais avogamos por aproximar a oferta de formación ao ámbito social, profesional e cultural do territorio no que se desenvolve cada universidade. Nesta convicción promovemos accións para incorporar a aprendizaxe continuada e permanente, e apoiamos a difusión e identificación do coñecemento mediante boas prácticas como a que hoxe nos reúne aquí.

É posible que esta apreciación estea influída pola miña condición de xurista, pero cando miro o programa deste Seminario creo que queda a salvo a imparcialidade de calquera análise. A transcendencia e perspectivas dende as que se formula esta iniciativa e o maxisterio dos relatores sitúannos, sen dúbida, ante un reto académico que será de grande utilidade para vostedes que asisten, pero tamén será beneficioso para a sociedade no seu conxunto, porque o coñecemento e a aprendizaxe sempre é frutífero, porque -ao igual que os valores- unha vez impartido se proxecta e se estende á sociedade no seu conxunto.

Nos meus xa preto de dez anos de vinculación ao mundo universitario teño instruído na convicción de que os alumnos -e todos somos alumnos- deben ser un dos nosos obxectivos básicos de atención. Estas xornadas son un valioso instrumento para complementar a formación de profesionais e de cidadáns con capacidade crítica.

Ao ver o programa e a elevada presenza de relatores de tanto prestixio, fóiseme o pensamento inevitablemente cara aos rankings tan de moda que intentan dicirnos que universidades destacan. Se os indicadores cos que se elaboran eses rankings atendesen á especificidade de cada unha das 17 mil universidades que debe haber hoxe no mundo, seguro que en cada unha delas atoparían algo que xustifique a súa utilidade.

No noso caso, exemplos como o excelente nivel de Seminarios como este, a nós débennos axudar a superar complexos e evitar melancolías: universidades boas haberá moitas, pero nós xa temos unha, a nosa! A que nos fai mellores. Ese é o noso ránking.

Parabéns por darnos razóns para o optimismo e grazas por mostrarnos o camiño. E grazas tamén aos directores e organizadores por facernos mellores e alimentarnos a confianza na nosa universidade.

Di a lei que o Consello Social deberá facer o posible para que os membros da comunidade universitaria cumpran coas súas responsabilidades, co fin de satisfacer as necesidades educativas, científicas e profesionais da sociedade. También lle indica ao Conselo Social que procure que a universidade satisfaga as necesidades do seu ámbito, contribuíndo ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia.

De igual modo encoméndalle que promova o coñecemento mutuo entre universidade e sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan o labor da institución académica.

Ademais pídelle que estimule as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

E encárgalle que favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade.

Ante esta fervenza de responsabilidades, comprenderán que hoxe non podía facer outra cousa que non fose estar aquí.

Pero non estou soamente polo que a lei di, senón tamén polo que non di: porque é necesario que as universidades dean respostas e que a sociedade confíe nelas; porque a universidade debe reforzar a responsabilidade social nas actuais circunstancias, e esa responsabilidade obriga a transformar o permanente e inmutable en beneficio da comunidade e dos seus retos.

Sempre digo que os estudantes deben estar no centro de atención das universidades. En primeiro lugar porque están chamados a ser os grandes protagonistas do cambio na universidade; pero tamén porque cos estudantes -non só ensinados, senón tamén educados- a Universidade entra no corazón dela sociedade. Ien esa dirección traballamos os Consellos Sociais.

E, finalmente, están nas nosas prioridades actos abertos e de prestixio como este Seminario, porque a formación é un instrumento fundamental para que a sociedade prospere; porque axuda á aprendizaxe ao longo da vida; porque moitos problemas sociais como os que aquí se formulan se arranxan con máis educación e formación; porque se xeran e se difunden valores dende o coñecemento; e, en definitiva, porque nos ensinan a vivir, a convivir e a entendernos mellor.

Máis alá e antes que os rankings (que dito sexa de paso, tan pouca atención prestan ás ciencias humanas), e da xigantesca lupa coa que adoitan examinar permanentemente as universidades e astranscendentes esixencias ás que lles someten cada día, hai unha rica vida tan valiosa como ignorada, da que este encontro é un bo exemplo.

Con iniciativas como esta, a universidade entra de cheo no 20% das marcas necesarias, porque se ocupan de buscar solucións aos problemas da sociedade máis débil, afrontan carencias en ámbitos básicos para dignificar e corrixir desequilibrios básicos e dirixen luz cara a espazos frecuentemente colocados ás costas dos asuntos importantes.

Compráceme, polo tanto, participar neste acto; agradezo aos organizadores e relatores a súa contribución a esta causa; recoñezo a universidade nesta dirección; e gustaríame incorporar á lei de conselos sociais algunhas destas reflexións que, a día de hoxe, aínda non recolle de forma abondo, quizais porque o lexislador quixo deixar abertos moitos camiños para desenvolver o noso labor, pero coas que nos identificamos, porque o mellor ranking que podemos encabezar é ser útiles ao noso ámbito.

Esperaremos con interese o resultado destas Xornadas.

Moitas grazas.