cabecera

Intervención de Ernesto Pedrosa nas Xornadas de Fundraising e Mecenado

24 10 2013. Categorías: Discursos

Discurso do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, no acto de apertura das Xornadas de Fundraising e Mecenado celebradas na Fundación Barrié en Vigo.

Bo día.

Debo comezar agradecendo a Julio Revilla, vicepresidente da Conferencia de Consellos Sociais de España, e a Manel Palencia-Lefler, coordinador destas Xornadas, a súa presenza e a súa achega a este encontro. E tamén aos asistentes, polo seu compromiso cun dos principais retos aos que se enfrontan as universidades españolas: avanzar na concienciación de que é necesario explorar na captación de recursos e na busca de novos modelos de financiamento das universidades.

Son tempos incertos e complexos para as universidades, que viven os últimos tempos permanentemente requiridas, aconselladas e esixidas dende varias frontes, e que se atopan sometidas a un inesgotable e a miúdo controvertido afán de revisión dende moi distintos ámbitos. Pero se houbese que elixir un debate inaprazable para as universidades, o que nos reúne hoxe aquí adquire unha especial relevancia, máxime no actual marco de crise e recortes. É este -ao meu xuízo- un dos grandes desafíos que requiren novas respostas, admitido xa que a educación non pode concibirse xa como un dereito sen límites e que ha de dirixirse cara a unha menor dependencia dos recursos públicos e a unha maior participación da sociedade civil, en calquera das fórmulas que se elixan, xa sexa o patrocinio, o mecenado, as doazóns ou o fundraising ou outras medidas continxentes ou axudas conxunturais que foron nacendo e crecendo ultimamente como accións de emerxencia para soster o acceso ao ensino superior.

Falamos, en definitiva, da captación de fondos, un obxectivo a desenvolver a través de tres eixes básicos: estreitar relacións co ámbito produtivo; aumentar a proxección social e o coñecemento da universidade; e captar ingresos para financiar proxectos e actividades universitarias. Aquí, a día de hoxe, xogan xa un destacado papel iniciativas que foron xurdindo en distintas universidades, e das cales un bo exemplo recente o constitúe un plan de mecenado á carta implantado en Granada, un modelo definido como “único en España” que foi presentado hai uns días e que será explicado nestas xornadas. E quero engadir aquí que no Conselo Social da Universidade de Vigo traballamos nesta liña dende marzo de 2010, coa comunicación sempre como fío condutor.

No horizonte está converter a educación en elemento esencial da Lei de Mecenado (da que tamén se falará nestas Xornadas). Aí residen as pezas imprescindibles para acceder a unha maior contribución externa coas universidades, ou sexa, a configurar o seu futuro con garantías de estabilidade, no que non só as empresas, senón tamén as fundacións, terán un papel protagonista relevante.

Pero se o obxectivo parece claro, o camiño non tanto, porque requirirá un importante cambio de mentalidade na incipiente cultura do patrocinio en España. E neste punto é onde nos preguntamos onde podemos ser máis útiles e eficaces os Consellos Sociais, e polo que se xustifica en boa medida nosa presenza aquí e a nosa militancia nesta causa. E ocórrenseme dúas vías complementarias, ás que nós nos aplicamos:

En primeiro lugar, e como é sabido, unha das misións encomendadas aos Consellos Sociais é fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación, e a contribuír á captación de recursos económicos externos e ao mecenado na universidade por parte de persoas físicas e entidades. Porque ben está ocuparse da formación e a calidade nas universidades -dentro do microcosmos de competencias e misións que nos implican aos Consellos Sociais- pero sen que esquezamos que o prestixio ou a percepción positiva que as universidades teñan na sociedade redunda en beneficio da sociedade enteira, universidade incluída.

E en segundo lugar, se entre os maiores obxectivos aos que debe aspirar unha universidade están o recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén -porque aí é onde se xoga os seus resultados e os seus recursos- e polo tanto aí debemos estar tamén os Consellos Sociais, como se consegue esainteracción? Pois entendo que con visibilidade. As universidades non alcanzarán os seus obxectivos importantes (entre os cales está a captación de recursos) ata que consigan ser material informativo fluído e transparente, ata que a sociedade as entenda, as integre, as queira e as sinta útiles. E por todo o exposto, entendo que a captación de fondos é unha opción dinámica poderosa para que a Universidade entenda tamén que debe relacionarse máis coa sociedade, se non quere correr o risco de volverse irrelevante, e mesmo prescindible.

Pero reitero a pregunta. Como podemos ser máis útiles os Consellos Sociais á causa de fomentar a chegada de recursos externos á universidade? Aquí entra de cheo a comunicación como elemento indispensable. Dende o Consello Social que presido considerámola un compoñente esencial para o desenvolvemento efectivo das nosas competencias, un vehículo imprescindible para cumprir a misión que se nos encomendou e, acaso, onde reside a maior potencialidade para facer posible que a Sociedade e a Universidade fragüen ese proxecto colectivo de futuro ao que aspiramos, no que a confianza entre ambas as dúas será o camiño máis limpo para lle chegada de recursos, nun escenario no que as universidades precisan todas as axudas posibles: para facelas máis visibles, máis queridas, máis respectadas, máis coñecidas e máis próximas, para entender mellor a súa existencia, comprender o seu funcionamento, os seus resultados, os seus méritos, as súas debilidades… a súa eficacia. E, por que non o dicir, para que sexan máis importantes para todos, máis necesarias e máis influentes. E para que teñan un maior crédito social e poidan diversificar as súas fontes de ingresos, que é do que tratamos aquí, a ver se o antes posible podemos dicir que o 4% do financiamento dos nosos campus proceden das doazóns, a media que manexa actualmente Europa.

Moitas grazas aos relatores por traernos o seu maxisterio e a vostedes por ter conciencia de que este é un camiño a percorrer. Espero que os que veñen de fóra gocen tamén desta cidade, se lles queda tempo, e que todos algún día recordemos que aquí demos un paso na dirección acertada.

Ten a palabra o amigo Julio Revilla.