cabecera

Ernesto Pedrosa inaugura un congreso que reune a expertos internacionais no Campus de Ourense

23 10 2013. Categorías: Actos, Actos 2013, Patrocinios, Patrocinios 2013

“Máis alá da resolución dos conflitos, a cultura da mediación que se está estendendo pode dar unha resposta de calidade ao cidadán”. Deste xeito resumiu Antonio Dorado, vogal do Consejo General del Poder Judicial, as grandes expectativas que hai postas na aplicación da mediación como fórmula para solucionar litixios entre partes pero tamén como forma de resolvelos dun xeito máis eficiente e eficaz para todos os actores implicados. Para afondar nestas cuestións, o campus de Ourense acolle desde este mércores e ata o venres o II Congreso internacional mediación: aproximación psicolóxica e xurídica.

O congreso foi inaugurado por Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Antonio Dorado; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Florentino Delgado, fiscal xefe de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Ricardo Garrido, decano do Colexio de Procuradores de Ourense; Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e Ana Garrido, concelleira de Educación da cidade. Todos eles coincidiron en salientar a oportunidade que supón esta cita para seguir avanzando no desenvolvemento desta liña de acción emerxente no mapa xurídico español. Tamén destacaron o papel que pode xogar a universidade no debate teórico arredor desta cuestión e no marco “da responsabilidade que ten a universidade coa súa contorna”, tal e como subliñou Ernesto Pedrosa.

As vantaxes

Trala apertura oficial, Inés Iglesias Canle, coordinadora do congreso, foi a encargada de presentar a conferencia inaugural a cargo de Antonio Dorado e de María José Bravo Bosch, profesora da Universidade de Vigo e na actualidade delegada da Xunta de Galicia en Vigo. Destacando que a lei galega neste eido foi a segunda en aprobarse no estado, María José Bravo Bosch fixo un repaso polo avance da mediación familiar en relación coa administración autonómica. Sobre esta ferramenta, a docente quixo destacar que “a xente chega moi confundida aos servizos de mediación. Hai que deixar claro que a mediación familiar non é nin intermediación, nin conciliación nin arbitraxe”.

Entre as vantaxes deste modelo, Bravo Bosch salientou que supón un aforro de tempo respecto aos tribunais de xustiza; que ten menos custes para as partes; que evita gañadores e perdedores, pois garante que os implicados interveñan en plena igualdade, e que axuda a liberar a carga de traballo dos tribunais. Destacando que a mediación familiar intraxudicial é a que máis éxito está acadando, a xurista apuntou os bos resultados que ten nos servizos de mediación a simbiose entre avogados e psicólogos. Sendo unha fórmula en auxe, entre outros datos expuxo como desde o ano 2009 deriváronse 284 casos a estes servizos e rematáronse 92.

Apoiando os beneficios desta fórmula, Antonio Dorado tamén fixo fincapé en todo o desenvolvemento levado a cabo desde o ano 2005 para pór en marcha esta alternativa xurídica. A través da formación continua, da creación de protocolos de actuación, da reivindicación de reformas lexislativas e da sinatura de convenios con todo tipo de institucións, especialmente cos colexios de avogados, conseguiuse, afirmou, achegar a mediación non só ao eido familiar, senón tamén ao penal, ao civil, ao mercantil, ao laboral e ao contencioso-administrativo. “O cidadán ten dereito a outra solución aos seus conflitos que non sexa a xudicial”, afirmou o vogal do Consejo General del Poder Judicial, que amosou aos asistentes a este congreso como a mediación ofrece a oportunidade ás partes de chegar a unha solución consensuada por eles con un terceiro.

O congreso, que reúne a expertos de Brasil, Portugal, Italia e España para achegar posturas e experiencias sobre esta fórmula de xxustiza alternativa, seguirá os días 24 e 25 de outubro de 2013 e o 21 de xaneiro de 2014.