cabecera

O Consello Social promove unhas Xornadas nacionais de Fundraising para favorecer o Mecenado nas universidades

24 10 2013. Categorías: Actos, Actos 2013, Patrocinios, Patrocinios 2013

A nova lei de mecenado na que está a traballar o Goberno central pode abrir novas e importantes vías de financiamento para as universidades públicas, novos camiños de especial importancia sobre todo en tempo de crise e de recortes. As institucións académicas comezan xa a preparar o camiño deste futuro e a formar ao seu persoal na captación de recursos e, mesmo algunhas delas, como a de Granada veñen de presentar un proxecto de patrocinio e mecenado. Na de Vigo tamén se comezaron a dar os primeiros pasos e nestes días a institución en colaboración co Consello Social organiza unhas xornadas nas que participan 45 representantes de universidades públicas e fundacións de toda España, entre elas a Fundación Celta de Vigo, a Penzol, Laxeiro, Érguete ou a Fundación Universidade de Vigo, para coñecer as bases do fundrising ou captación de fondos e do mecenado. Na primeira das xornadas, celebrada este xoves na Fundación Barrié en Vigo, Manuel Palencia-Lefler foi o encargado de facer un primeiro achegamento a estes conceptos, tras un acto de apertura ao que asistiron Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e Julio Revilla, vicepresidente da Conferencia de Consello Sociais das Universidades Públicas Españolas. Revilla lembrou que “a captación de fondos e o mecenado é a materia pendente das universidades, falta cultura neste eido” e sinalou aos Estados Unidos como exemplo neste campo, un país no que se xera un apego dos estudantes coas súas universidades, de xeito que as doazóns cando estes sexan profesionais de renome son moi habituais. Dende o seu punto de vista, a futura lei e as vantaxes fiscais que esta ofreza serán determinantes. Pedrosa, pola súa banda destacou que un dos grandes desafíos para as institucións de educación superior é “reducir a súa dependencia do financiamento público e isto feise a través do fundraising, das doazóns e do mecenado”. Tamén destacou Pedrosa a necesidade de aumentar a visibilidade e mellorar a imaxe das universidades, achegalas á sociedade e ofrecer unha información transparente que axuden a chegar ao promedio de doazóns nas universidades en Europa, que é do 4%.

Pero, por que fundraising?

Captar, procurar, conseguir… poderían ser calquera delas, pero estas palabras teñen connotacións negativas polo que fundrising foi o termo que se acabou acuñando para falar dun concepto que non se limita á capatación de fondos, senón tamén de relacións, achegas, socios, etc para as organizacións sen ánimo de lucro. Así o explicou Manuel Palencia-Lefler, que incidiu ao longo da xornada en que o que as fundacións e universidades deben procurar son socios e non limitarse á inversión económica e fixo fincapé en que o público obxectivo non deben ser os ricos, senón aquelas persoas con intereses comúns aos da institución, porque iso asegura unha relación a máis longo prazo. Palencia, que xa realizou a súa tese de doutoramento sobre fundrising en 1999 ofreceu unha clase práctica sobre este concepto, sobre as súas bases, técnica e procedementos. Ao seu parecer, “debemos de empezar por nós mesmos e dar exemplo, os equipos directivos e os gobernos das universidades deben ser os primeiros doantes e ir estendendo esta rede de mecenado. No tocante ás fontes de financiamento, Palencia destaca que algunhas delas, como as subvencións ou os créditos xa case non existen e apunta aos socios como o valor máis seguro. O experto tamén se referiu aos Estados Unidos como exemplo da cultura de mecenado e destacou que nos países do Mediterráneo queda moito por facer, principalemente por temas culturais. No tocante ás doazóns de empresas, Palencia subliñou que, aínda que adoitan ser máis cuantiosas, son tamén puntuais. Aos empresarios, lembrou, as organizacións sen ánimo de lucro deben achegarse apelando a motivacións comúns, “deixando que sexan eles os que tomen a iniciativa, ben sexa con doazóns económicas como materiais ou doutro tipo, como contratacións sociais”.

Perder o medo a pedir doazóns

Palencia-Lefler reivindicou a publicidade das doazóns, como se fai nos países anglosaxóns, se un empresario fai unha doazón a unha ONG ou a unha universidade, non debe esconderse, senón que debe ser recoñecido o seu esforzo e instou aos presentes a “agredecer” de xeito público as achegas que reciben as súas institucións. “Non se trata de caridade, como perciben os países mediterráneos, trátase de filantropía, de colaborar en causas afíns e iso non é negativo, senón que debe ser visibilizado e potenciado”. Lembrou que en EEUU hai décadas que as principais causas financiadas por particulares son a universidade e a investigación, porque é o básico para que unha sociedade avance e se desenvolva e esa visión é a que o fundraising pretende estender en España, pero comezando por un mesmo, na medida das posibilidades de cada quen, non indo a chamar sempre as mesmas portas, ás dos ricos”. Lefler, xunto cos convidados da xornada deste venres, asesorou aos asistentes nas diferentes técncicas para captar estas achegas privadas para as asociacións sen ánimo de lucro, dende o xeito de seleccionar aos potenciais mecenas ata a meneira de “pedir” e de manter no tempo esta relación así como o recoñecemento que se fai a este esforzo de colaboración.

Unha lei en cernes

Na xornada do venres, os asistentes achegárons ao merco legal das doazóns e o mecenado da man de Faustino Díaz, subdirector xeral de Promoción de Industrias Culturais e de Fundacións e Mecenado do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Na súa intervención afondou no anteproxecto de lei de participación cidadá e mecenado. “A cultura no noso país non se considerou dende un punto de vista económico ata hai moi pouco”, subliñou Díaz, que fixo fincapé en que “isto deixou de ser así e non volverá”. No novo panorama que foi debuxando non faltaron palabras como crowfunding ou fundraising pero tamén termos como axudas, “axudas non como se concibían antes” senón novas axudas en réxime de concorrencia competitiva, onde os sectores presenten proxectos nos que se traballe con obxectivos e con períodos temporais ben definidos.