cabecera

Ernesto Pedrosa avala un convenio que achega aos alumnos do Campus de Pontevedra ás iniciativas do Casino

07 10 2013. Categorías: Prensa, Prensa 2013

“O alumando da Universidade é o maior potencial do que dispoñemos, converténdose no reflexo dos éxitos e dos fracasos desta institución”. Estas palabras de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade, resumen a aposta que a Universidade fai polos seus estudantes ofrecéndolles a posibilidade de comezar a súa andaina profesional a través de prácticas pre-profesionais en diversas empresas e entidades colaboradoras. A última en unirse a esta lista é o Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, co que a Vicerreitoría do campus asinou este luns un convenio ao abeiro do cal estudantes de todas as titulacións que se imparten na cidade do Lérez poderán realizar prácticas nos diversos eventos, culturais e deportivos, que a entidade organice.

O II Torneo Internacional Júnior de tenis que se celebrará entre o 13 e 20 de outubro en Pontevedra será a primeira das actividades nas que colabore o alumnado, en concreto 24 alumnos e alumnas da Unidade de Voluntariado da Facultade de Fisioterapia e dúas estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas. “Queremos unha Universidade viva, implicada cos axentes sociais e que tente darlle dalgún xeito resposta ás demandas da sociedade”, explicou Pedrosa, sendo este torneo internacional de tenis, o segundo máis importante do mundo nesta categoría despois do que ten lugar en Xapón, unha oportunidade para que os futuros profesionais demostren a súa valía. A vicerreitora, Antonia Blanco, tamén se amosou moi satisfeita con esta iniciativa “que inclúe ao campus universitario como un elemento máis do tecido social, cultural e deportivo da cidade”. A maiores, Blanco tamén fixo fincapé na oportunidade que supón para o estudantado poder realizar prácticas mentres continúan coa súa formación teórica ao tempo que salientou “a forte demanda que teñen os nosos graduados e graduadas en cadanseu sector a pesares de estarmos inmersos nunha situación económica pouco favorable”.

Moi ilusionado se amosou tamén o presidente do Casino Mercantil e Industrial, Roberto Vega, ao “ser finalmente posible que unha entidade que leva máis de 80 anos participando no día a día dos pontevedreses e pontevedresas conte agora co respaldo da Universidade”. A intención de Vega para este vindeiro ano é seguir promovendo actos de diferente índole e contar sempre co “apoio incondicional do alumnado do campus de Pontevedra”. O presidente do Casino Mercantil e Industrial está convencido de que o II Torneo Internacional Júnior que acollerá nos vindeiros días a cidade do Lérez, e no que participarán máis de 120 tenistas de 20 países, “será un espazo no que todos e cada un de nós imos aprender algo”.