cabecera

A Escola de Telecomunicación crea un plan pioneiro de acollida de alumnos co apoio do Consello Social

15 11 2013. Categorías: Actos, Actos 2013, Patrocinios, Patrocinios 2013

A proximidade e a complicidade son as claves. O proxecto de mentorización da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación chegou para quedarse e tanto os estudantes titores coma os seus compañeiros de primeiro curso se amosan “implicados, entusiasmados e participativos”. Estas son as impresións tanto do equipo directivo do centro, con Edita de Lorenzo á fronte, como das persoas encargadas da formación dos 28 alumnos e alumnas dos últimos cursos que exercen de cicerones. Dende o mes de maio este grupo está a recibir formación en eidos como a intelixencia emocional, a xestión do tempo, as técnicas de estudo ou habilidades sociais. Ao longo destas sesións foron adquirindo coñecementos básicos para poder transmitir aos estudantes de novo ingreso, axudándoos na adaptación ao eido universitario, a un novo método de formación, a unha nova institución e, en moitos casos, a unha nova cidade.

Co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo este proxecto nace con intención de continuidade e tamén de poder ampliarse a outros centros. A directora da EE de Telecomunicación destaca a implicación dos estudantes aínda sendo esta a primeira edición do proxecto MEET-Teleco e agarda “que haxa unha continuidade, que os titorizados de hoxe sexan os titores nos vindeiros anos e poidamos exportar a iniciativa ao resto dos centros”. O profesor Artemio Mojón é o encargado de coordinar aos mentores e amósase “sorprendido pola acollida, xa que recibimos máis solicitudes das que podíamos aceptar, porque a formación dos titores debe ser en grupos pequenos para que sexa efectiva”. Este programa é un paso máis do Plan de Acción Titorial que se viña desenvolvendo no centro, pero a inclusión de estudantes a piques de rematar a carreira como mentores favoreceu a complicidade e o entendemento, “por iso buscamos que fosen principalmente de grao, para que pertencen ao mesmo plan educativo e coñezan as necesidades dos novos alumnos”, apunta Edita de Lorenzo. Deste xeito, e tras pasar un proceso de formación dende finais do curso pasado, estes 28 ‘veteranos’ asesoran aos 130 ‘novatos’ que se apuntaron a MEET-Teleco, dun total de 150 estudantes de novo ingreso que ten o centro.

Cada un dos mentores asesora e axuda a un grupo de catro estudantes e realizan xuntanzas periódicas tanto con seus titorizados coma co equipo de coordinación. “A asistencia ás reunións é do 100% e a implicación e o voluntarismo é total, non esperabamos unha reacción tan positiva, que vén dada principalmente por tratarse dunha iniciativa de carácter voluntario” apunta Mojón.

Valiosa formación para o futuro

Nunha xuntanza celebrada esta semana entre o equipo directivo do centro, as formadoras do alumnado e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, realizouse unha valoración destes primeiros meses de MEET-Teleco, que todos coincidiron en cualificar de moi positivos. Ana San Juan e Belén Varela son dúas das profesionais encargadas de formar aos mentores e subliñan este tipo de coñecementos transversais completan a formación académica pero tamén os dota de habilidades moi importantes á hora de buscar traballo.

Ernesto Pedrousa realiza xuntanzas periódicas cos membros directivos do centro e as formadores do alumnado da primeira edición do proxecto MEET-Teleco.