cabecera

O responsable de Mediaset, Paolo Vasile, protagoniza o III acto de Recoñecemento ás empresas que colaboran coa UVigo, organizado polo Consello Social

04 06 2013. Categorías: Prensa, Prensa 2013

A Universidade de Vigo celebrará o próximo día 11 de xuño o seu III acto de Recoñecemento ás empresas que colaboran con ela e nel participará o conselleiro delegado deMediaset España, Paolo Vasile, quen impartirá un relatorio titulado ‘Televisión e sociedade: quen inflúe en quen’.

A cerimonia, promovida polo Consello Social da Universidade, celebrarase na Facultade de Ciencias Empresariais do campus vigués e contará coa asistencia de autoridades, representantes das empresas que colaboran coa institución académica e exalumnos. No transcurso do evento entregarase un diploma ás entre 300 e 400 firmas que colaboran coa Universidade e terá lugar a conferencia de Vasile.

O reitor vigués, Salustiano Mato, recordou a vocación de “transferencia de coñecemento” que ten a Universidade de Vigo, ao tempo que explicou que existen case 2.000 convenios asinados con empresas e que son tanto de tipo académico coma de I+D+i. Así mesmo, indicou que se contabilizaron 183 empresas cun volume de contratación “destacable.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, explicou que a cerimonia ten o obxectivo de “recoñecer o importante labor” das empresas, cuxa colaboración ”contribúe á preparación dos estudantes para o mercado laboral”. Ao mesmo tempo, búscase dar a coñecer estas firmas colaboradoras á sociedade.

O mesmo día do acto, Vasile asinará un convenio coa Universidade polo que os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación poderán realizar prácticas en Mediaset e que tamén incluirá a posibilidade de que profesionais desta empresa dean cursos aos alumnos. De igual modo, o conselleiro delegado de Mediaset España visitará a citada facultade, situada no campus pontevedrés.

Descargar noticia

Descargar noticia