cabecera

Ernesto Pedrosa inaugura unhas xornadas centradas na análise dos problemas actuais da xustiza, celebradas no Campus de Ourense

As consecuencias derivadas da aplicación da lei hipotecaria, o pago das taxas xudiciais, a imputación de destacados políticos por casos de corrupción e un longo etcétera de cuestións teñen convertido á xustiza en centro do interese, do debate e en moitos casos da frustración e da protesta da sociedade ou de boa parte dela. Para analizar a situación da xustiza en España e buscar posibles alternativas a unha situación que cualifican de caótica e ineficaz, unha trintena de expertos de diferentes eidos profesionais e académicos danse cita desde este martes no campus de Ourense.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; José Agustín González-Ares, director da iniciativa; Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, e Fernando Alañón, presidente da Audiencia Provincial de Ourense, foron os encargados de inaugurar estas X Xornadas Sociedade e Dereito. Cuestións Actuais na Xustiza en España, que se celebrarán os días 2, 3, 4, 9, 11 e 12 de abril na Facultade de Dereito.

Como avogado e como presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa fixo fincapé en que na actualidade “son moitos os temas a debater na xustiza, os retos a asumir e as decisións a tomar”, polo que destacou a pertinencia de que desde a universidade se aborde a situación da xustiza nun debate que repercuta positivamente na sociedade. “Son tempos difíciles pero o futuro está por diante”, engadiu Rosendo Fernández tras destacar a importancia de que a xustiza sexa precisamente xusta. “Estamos ante unha administración de xustiza obsoleta e caótica, incapaz de xerar confianza nin cara dentro nin cara fóra. É imprescindible unha reforma ampla e integral do sistema xudicial se queremos conseguir unha xustiza áxil, racional, apolítica e xusta”, advertiu José Agustín González-Ares.

Para afondar nestas cuestións, Fernando Alañón foi o encargado de comezar as conferencias analizando algunhas das cuestións de actualidade neste eido. O presidente da Audiencia Provincial de Ourense debullou para o cento de estudantes e profesionais asistentes ás xornadas a lei de taxas xudiciais, a reforma da lei orgánica do poder xudicial e a lei hipotecaria. Como a aplicación das taxas pode en determinadas ocasións coartar os dereitos cidadáns ou como a renovación que se está producindo no Consejo General del Poder Judicial mudará a organización territorial da xustiza foron algúns dos puntos destacados por este experto. “O tema é apaixonante porque estamos nunha sociedade xudicializada, para ben e para mal, e hai moitos interrogantes sobre como será o futuro da xustiza en España”, destacou Alañón.

Trala sesión deste martes e ao longo dos días de celebración as xornadas contarán coa participación dos decanos das facultades de Dereito de Ourense e Santiago de Compostela, Roberto Bustillo e Luís Míguez; os catedráticos Luis Rodríguez Ennes e Jaime Cabeza; Antonio Piña, maxistrado xuíz-decano de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Ana María López, vicedecana do Colexio de Procuradores de Ourense; Florentino Delgado, fiscal xefe da Fiscalía Provincial; Mª del Carmen Eiró, fiscal de menores da Fiscalía Provincial; avogados como Miguel A. González, e un longo etcétera de docentes de diferentes universidades, como Inés Iglesias Canle, Ágata Sanz, Antonio Míguez e Pablo Raúl Bonorino.

As X Xornadas Sociedade e Dereito comezaron o martes 2 de abril afondando nos problemas actuais da xustiza.

José Agustín González-Ares, María Lameiras, Ernesto Pedrosa, Fernando Alañón, Rosendo Fernández e Roberto Bustillo foron os encargados de inaugurar as sesións.

Alumnado da Facultade de Dereito participou activamente na organización das xornadas.

Descargar Programa