cabecera

Discurso de Ernesto Pedrosa no acto de presentación do libro de Ramón Otero Pedrayo financiado polo Consello Social

13 02 2013. Categorías: Discursos, Discursos 2013

ERNESTO PEDROSA SILVA

“Grazas, ….Boas tardes….

Aconteceu en xullo de 2003 a despedida de Alfonso Zulueta como primeiro presidente do Consello Social que eu represento hoxe. No seu derradeiro discurso agradeceu o esforzo e a axuda de quen amosaron un auténtico e fecundo espírito universitario “que ten a súa expresión na intelixencia crítica, no  talante solidario, en actitudes tolerantes e na defensa da liberdade”. Pasaron dez anos.

Moito antes, Confucio deixara dito: “Me lo contaron, y lo olvide; lo ví, y lo entendí; lo hice y lo aprendí”. Pasaron  dous mil cincocentos anos.

O tempo transcorrido entre ámbalas dúas citas ben pode definir o devir dunha universidade que viaxou séculos de futuro para facer do vello aforismo de Confucio o seu máximo reto do tempo actual (ese é o espírito de Bolonia. Que os estudantes aprendan), e na que –ao mesmo tempo- seguen depositadas as maiores esperanzas de que nos explique o mundo e mesmo que conciba outros posibles, ademais de nos garantir a pervivencia entre nós dos valores éticos que nos deben acompañar.

É así que dende o Consello Social preguntámonos a miúdo onde debemos situarnos, como pedirlle á universidade que nos dea certezas para xestionar o futuro, para comprender un mundo tan confuso como o que temos, e conducirnos polos camiños da educación, dos valores, do progreso, da convivencia, e da cultura entendida como dique de abrigo da historia e do porvir. E tamén nos preguntamos que debemos pedirlle para que acade o recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén.

Neste terreo, as universidades precisan todas as axudas posibles para facelas máis visibles, máis coñecidas, máis achegadas e máis necesarias; para entender mellor a súa existencia, comprender o seu funcionamento, os seus resultados, os seus méritos, os seus coñecementos, as súas capacidades e mesmo as súas achegas insubstituíbles…..

Como a que nos reúne hoxe aquí, en torno ao achado dun traballo inédito “dun autor maltratado pola posteridade”, en palabras do profesor Manuel Forcadela, que –confeso- me golpean aínda hoxe.

Por iso me congratula que o esforzo científico contribúa hoxe a reparación desa eiva na memoria sobre a figura de Otero Pedrayo, detida no tempo  pola avariada mecánica con que a veces se relevan as xeracións, e que a universidade ven de axudar a rescatar con esta iniciativa que acada nestas circunstancias leves tons de redención.

Sen máis.

Dende o Consello Social da Universidade de Vigo abordamos e referendamos tamén esta iniciativa editorial porque aporta coñecemento, opinión fundada e ansia cultural; a apoiamos dende o inicio porque da saída a un enorme caudal susceptible de consulta, de goce e de debate crítico; e a difundimos entre a sociedade galega porque convén á universidade e a sociedade encontrarse en todos los campos posibles, pero moi especialmente no intercambio do saber, da creación, e na vocación que nos move de acubillar o fecundo legado  dos nosos máis altos espíritos, que no caso de Otero se enriquece coa nova dimensión poética que revela este traballo.

Parabéns compartidos e expresa ao presidente e ao director da Fundación Penzol, ao equipo de investigación da UVigo e ao director da Editorial Galaxia como cooperadores necesarios. E parabéns a todos nós porque podemos seguir mantendo a confianza nos tempos, sexan vistos coa perspectiva dunha década ou con ollos de dous mil cincocentos anos.

Moitas grazas por darnos a oportunidade de estar hoxe aquí.”