cabecera

O Consello Social financia a publicación do libro de Ramón Otero Pedrayo “Xeórxicas do Pan” publicado pola Editorial Galaxia

13 02 2013. Categorías: Publicacións, Publicacions 2013

Todo se iniciou a principios de 2011 cando un grupo de investigación formado polo profesor Manuel Forcadela, director, e as investigadoras Ana Belén Crespo e Silvia Penas, integrantes do grupo de investigación GAELT da Facultade de Filoloxía e Tradución, asumiron, co financiamento do Consello Social da Universidade, o reto, que chegou da man da Fundación Penzol, de pórse a investigar o voluminoso conxunto de textos manuscritos de Ramón Otero Pedrayo que esa fundación posúe, como herdeira legal do espolio oteriano. “Nunha primeira fase dedicámonos a dixitalizar os documentos e logo clasificámolos”, apunta Forcadela, que subliña que este labor que estaba en grande medida xa feito polos arquiveiros da Fundación Penzol.

O corpus documental do proxecto estaba composto polo conxunto de axendas e cadernos de notas gardados nos arquivos da fundación. Tratábase, pois, de dixitalizar, transcribir e clasificar unha serie de cadernos manuscritos que contiñan múltiples notas “tanto referentes a asuntos persoais ou patrimoniais, como de carácter literario, biográfico, de lectura ou vinculadas quer aos seus estudos e investigacións quer a súa obra de creación”, subliña Silvia Penas, ao que Forcadela engade que moitos destes documentos foron escritos no Castromil e no taxi, durante os desprazamentos que Otero levaba a cabo entre Trasalba, Ourense e Compostela “cunha caligrafía endiañada, nun galego cheo de hiperenxebrismos e con moitísimas referencias cultas”.

O texto que agora se presenta permaneceu inédito ata a actualidade e só se coñecía unha versión moi pequena -arredor de trinta versos fronte aos máis de dous mil dos que estamos a falar- atopada nos fondos do Pazo de Trasalba por Xesús Alonso Montero e publicada no volume Poesía de Ramón Otero Pedrayo editado por Galaxia no ano 2010.

Desde o punto de vista da historia da tradición literaria galega, o interese da obra devén do feito de que permite situar a Ramón Otero Pedrayo, ata agora sempre mencionado pola súa condición de narrador, historiador, xeógrafo, ensaísta, como un dos grandes poetas do seu tempo. “O curioso é que Otero é poeta sempre, mesmo cando exerce de historiador ou de xeógrafo, e pola mesma, é historiador e xeógrafo tamén, cando exerce de poeta. E hai sempre ese tema central da paisaxe como depositaria das pegadas da humanidade sobre a natureza, a paisaxe como documento da nosa historia”, subliña Manuel Forcadela, que recalca que, a través deste poema, o poeta celanovés pide vez para entrar no canon dos grandes poetas do seu tempo, xunto a Ramón Cabanillas, a Noriega Varela, e faino, ademais, pola porta grande. “Eu creo que estamos diante dun dos grandes textos da tradición literaria galega de todos os tempos”, engade o director da, dun poema inacabado, do que aínda poden aparecer ulteriores versións.

Portada do volume publicado pola editorial Galaxia.

Reprodución dun dos manuscritos.

A paisaxe, a natureza… é un dos temas centrais da obra.

Ana Belén Crespo, Silvia Pena e Manuel Forcadela.

Descargar Invitación

Descargar Discurso